A XANELA DE GÁLIX. XOSÉ HENRIQUE RIVADULLA CORCÓN

Publicado por GÁLIX | 15.10.24 Deixa un comentario

 


X
osé Henrique Rivadulla Corcón.

Nado en Monte Alto, A Coruña.

Socio número 314 de GÁLIX

 

 

 

 

Profesionalmente traballa no mundo no teatro. É o autor da primeira estrea do Centro Dramático Galego "Festa rachada" (1985 ), logo estreou os espectáculos "Praia na noite" (2002), "O soño de Ulises" (2002), "O inxenioso cabalo Rocinante da mancha" (2004), "Furga Garabela" (2001) e "Salitre" (2003) estas últimas dirixidas por el mesmo.

Dende 1987 desenvolveu diferentes oficios no audiovisual: Produtor, director, creativo de formatos, comunicador e guionista, sendo este último o que eu considera propiamente a súa profesión.

Formou parte da Comisión xestora fundadora da Academia

Galega do Audiovisual e da Asociación Galega de Guionistas.

Foi xefe de produción da Área da Cultura de TVG e,como guionista traballou para diversas produtora privadas e tamén para TVG e Telecinco. Dirixiu na TVG os programas "Planeta Fantasía", destinado á promoción da literatura infantil galega e o programa sobre libros na Radio Galega titulado "A Casa do vagabundo"

Tamén traballou en radio como guionista e locutor. Profesor de produción cinematográfica, produción teatral e guión audiovisual.

Ten publicado unha chea de libros como escritor de literatura infantil e xuvenil :

  • O bebé máxico (2000). Ir Indo.
  • O elefante dunha soa orella (2004). Sotelo Blanco
  • ¿A que veñen as gaivotas a Compostela? (2006), Sotelo Blanco.
  • A balada de Roi Nemiña (2007). Planeta-Oxford
  • O sorriso de Claudia (2007). Sotelo Blanco.
  • Os piratas da Illa Esperanza (2008). Xerais.
  • Amar unha serea, (2010) Galaxia.
  • O noso amor será eterno (2011). Xerais.
  • Soños de mar (2014). Xerais.
  • Cando soa a buguina (2020). Xerais. 
 
 ACCESO AO CUESTIONARIO EN PDF 

A literatura infantil e xuvenil é unha parte destacada da literatura galega en xeral, e polo tanto da sociedade galega no seu conxunto.

  1. Ti es o socio número 314. Por que te asociaches a GALIX e continúas apoiando este proxecto?

En xeral creo no asociacionismo, que a sociedade civil se organice para tratar de influír positivamente no desenvolvemento e progreso da sociedade, non deixar que isto estea tan só nas mans das distintas administracións. A literatura infantil e xuvenil é unha parte destacada da literatura galega en xeral, e polo tanto da sociedade galega no seu conxunto. Sendo GALIX a asociación que aglutina a este colectivo, e considerándome eu membro del, entendo como unha obriga formar parte.

  1. Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?

Non o lembro exactamente, non creo que fora ninguén concreto. Souben polos medios da súa existencia e considerei, como xa dixen, que era unha obriga facer parte. Aínda que a miña participación na vida de GALIX non sexa moi habitual, pero sempre estou disposto ao que se me propoña.

  1. Que libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?

Hai claramente dous, que lin cando tiña 14 anos: “Memorias dun neno labrego” de Neira Vilas e “Os dous de sempre” de Castelao.

  1. Un libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres imprescindible?

Creo que se falamos en concreto de “imprescindibles” considero que todos os editados ao longo do tempo o son. Todos, independentemente da súa calidade, veñen a cumprir unha función moi necesaria para a sociedade.

  1. Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificado?

Direi o mesmo que na pregunta anterior.

  1. A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños ?

É evidente, para min, que a calidade da ilustración galega é moi alta, neste sentido practicamente todos poderían ilustrar os meus soños. Pero os meus últimos libros foron ilustrados por Viki Berre, cun resultado moi bo. Por cuestión persoais sempre ten unha comprensión moi certeira do que eu pretendo transmitir. 

Creo que é preciso un debate serio sobre como debe ser a nosa literatura e como facela presente na sociedade en xeral.

  1. Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.

A súa fortaleza está na súa propia existencia e a capacidade para pervivir ao longo do tempo. A súa debilidade considero que está nunha excesiva dependencia dos ensinantes.

En conversas con algúns editores teño detectado que moitas veces a decisión para editar un orixinal ou non depende do gusto que nese momento impere entre os ensinantes, e sei que isto tamén condiciona a algúns escritores para escoller os temas e o tratamento das historias nos seus libros. Isto pode facer que a nosa literatura infantil e xuvenil non estea decidida maioritariamente polos seus autores, senón polos ensinantes. E isto non me parece o camiño máis lóxico. E entre outras cuestións, isto incide na pouca poesía que se edita na literatura infantil e xuvenil

  1. Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución.

Sinto dicir que non vexo que responder. Non vexo cambios sustanciais, se cadra porque non son quen de captalos, ou por que realmente non son necesarios.

  1. Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?

Perdón por ser pesimista, creo que na sociedade en xeral é moi baixo. Ten relevancia no ensino, e na parte da sociedade que por algún motivo se relaciona co ensino, pero esta barreira non se traspasa.

  1. Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia.

Creo que para responder a isto é preciso un debate serio sobre como debe ser a nosa literatura e como facela presente na sociedade en xeral. Sei perfectamente que GALIX non é unha asociación de escritores, se non de todos os axentes que participan no libro infantil e xuvenil. Pero este debate é preciso que se faga entre autores e logo de sacar conclusión debaterse con outros profesionais do libro. A escrita da literatura infantil e xuvenil e unha escrita como a de calquera outro xénero, non debe estar tan mediatizada polo mercado. E sendo así seguramente tería máis aceptación no propio mercado.


 

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]