A Xanela de GÁLIX. Ana Luna Alonso

Publicado por GÁLIX | 15.7.24 Deixa un comentario

 

Ana Luna Alonso

Socia nº 312 de GÁLIX 



Licenciada en Filoloxía Románica e doutora en Filoloxía Francesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesora titular no Departamento de Tradución e Lingüística da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, onde imparte docencia de grao, mestrado e doutoramento.

Membro da directiva de GÁLIX entre 2011 e 2023, como vogal de Tradución e Universidades e tamén Secretaria. Na asociación desenvolveu un labor esencial para a visibilización da Literatura Infantil e Xuvenil Galega a nivel internacional e coordinou as Xornadas GÁLIX. Desfacendo a Raia durante varios anos.

Dirixiu varias teses de doutoramento, coordinou cursos e xornadas, e organizou varios simposios e congresos internacionais sobre tradución e políticas de tradución.

É investigadora titular do grupo BITRAGA (A Biblioteca da Tradución Galega) e participa no proxecto da Universitat de Barcelona sobre «La traducción literaria en España (Repertorio informatizado crítico-bibliográfico das traducións publicadas en España dende 1940)».

Entre as súas actividades dedicadas aos Estudos de Tradución, hai que incluír os estudos socioculturais do contexto no que se desenvolve a tradución, dende e cara ás linguas minorizadas, a historia da tradución e das persoas que traducen, o estudo dos fluxos de tradución e as políticas de tradución editorial.

Publicou varias obras sobre tradución literaria e lingua galega entre as que cómpre destacar:

  • Linguas sen estado e planificación lingüística (2003) Vigo, Universidade de Vigo, Servizo de Publicacións. Con Gonzalo Constenla Bergueiro.
  • Traducción e política editorial de literatura infantil e xuvenil (2006) Vigo, Universidade de Vigo, Servizo de Publicacións. Con Silvia Montero Küpper.
  • Unha voz, moitas voces. Xela Arias tradutora (2021). Vigo, Xerais. Con María Reimóndez e Alberto Álvarez Lugrís 

    ACCESO AO CUESTIONARIO EN PDF

  A literatura infantil e xuvenil galega está nun momento especial dende hai anos e, malia os atrancos cos que se atopa a industria editorial galega
  1. Ti es a socia número 312. Por que te asociaches a GALIX e continúas apoiando este proxecto?

    Entrei en Gálix no ano 2011 por convite de Ánxela Gracián e ao pouco tempo recibín a chamada de Francisco Castro para entrar na directiva como vogal de tradución. Participei algo máis de dez anos como vogal ou secretaria, así que podo afirmar que a miña implicación foi de compromiso co colectivo dende o primeiro día e procuro colaborar sempre que teño a oportunidade de ser útil.

    O activismo cultural que traballa o hábito lector en lingua galega está a ser e vai ser o que manteña a transmisión xeracional que nos está a faltar.

  2. Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?

    A miña actividade como docente e investigadora en tradución editorial dende e cara ao galego.

  3. Que libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?

Achegueime tarde á literatura infantil e xuvenil escrita en galego, porque na miña infancia e mesmo na miña adolescencia, a literatura infantoxuvenil en galego era para min case descoñecida. Son a primeira xeración que estuda galego no instituto e as miñas referencias infantís e xuvenís en galego viñeron despois. De feito, non foi ata unha etapa de madureza que recuperei lecturas de autorías clásicas como Xohana Torres ou Neira Vilas e máis adiante María Victoria Moreno, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, e un longo etcétera.

  1. Un libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres imprescindible?

O primeiro libro que se me vén á cabeza é O Principiño, de Saint-Exupéry, un libro que se pode ler e reler, e sempre vas atopar novos sentidos na súa lectura. Tamén penso nos clásicos de Verne, nas aventuras de “Los cinco” de Blyton, nas de Alicia ou nas de Heidi, e na simpatía da pequena Pippi Mediaslongas, libros aos xa temos acceso en galego.

  1. Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificada?

Gústanme as personaxes anti-heroínas que conseguen superar os atrancos non sen dificultade grazas á súa perseveranza e forza de vontade.

Aínda que eu non padecín a miseria da aldea nin tiven a necesidade de emigrar, póñome en ocasións no lugar do Balbino das Memorias dun neno labrego de Neira Vilas. Gústame como desafía as convencións sociais a Mafalda de Quino e sigo con interese as historias destinadas á rapazada de Ledicia Costas ou María Reimóndez, entre outras.

A fortaleza principal é a calidade dos textos e das ilustracións, acompañadas dun labor editorial moi coidado e de contido rigoroso.

  1. A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños ?

Xosé Cobas ou Xan López Domínguez están no meu imaxinario, por poñer dous exemplos de figuras consagradas. Resulta moi difícil escoller entre tanto talento: Kiko Da Silva, Ánxeles Ferrer, Bea Gregores, Xulio Gutiérrez, Noemí López, Blanca Millán, Laura Romero, David Rubín, David Pintor, Alberto Vázquez..., ou muralistas de arte urbana como Lula Goce, Isa Bermúdez ou Vanesa Álvarez, que en parte recollen o testemuño de devanceiras como Maruja Mallo ou Xulia Minguillón.

  1. Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.

A fortaleza principal é a calidade dos textos e das ilustracións, acompañadas dun labor editorial moi coidado e de contido rigoroso. Na miña opinión, a debilidade está non só nas dificultades que poden atopar as creadoras, senón tamén nos atrancos cos que se atopa o sector que conforma os últimos elos da cadea para facer chegar os libros más alá da escola e no abandono da lingua como vehículo de transmisión escrita e oral. Cómpre aumentar a posibilidade de contar con máis espazos de actuacións teatrais e máis oportunidades de escoitar poesía infantoxuvenil en galego.

  1. Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución

    Moitos e moi bos. A literatura infantil e xuvenil galega está nun momento especial dende hai anos e, malia os atrancos cos que se atopa a industria editorial galega, a LIX que se crea e traduce en Galicia é vangarda no país e en ocasións modelo a seguir para o Estado español.

  2. Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?

Hai un sector educativo e un grupo de persoas mediadoras (bibliotecarias, libreiras, investigadoras etc.) que desenvolven un traballo moi bo para dar a coñecer a produción propia e allea en galego. O activismo cultural que traballa o hábito lector en lingua galega está a ser e vai ser o que manteña a transmisión xeracional que nos está a faltar.

  1. Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia.

    Todas lembramos o fantástico efecto que xerou a proposta do Xabarín. Sería moi recomendable recuperar proxectos audiovisuais en galego semellantes ao fenómeno Shin-Chan e acompañar máis os libros e as autorías nas actividades e actuacións públicas como son as feiras e festivais literarios para a cativada; tamén sería aconsellable aproveitar lecturas acompañadas pola bagaxe cultural das persoas maiores.

    No tocante á proxección exterior, un modelo que funcionou de marabilla foi a entrada dos Bolechas en Portugal ou a creación de proxectos editoriais que levaron á LIX galega e dende o galego a lugares distintos e distantes no planeta. Porén, para poder levar a cabo ese salto, que tamén axudaría a mellorar a autoestima, resultaría fundamental o apoio incondicional da Administración autonómica e central a todas as persoas que conforman a cadea do libro, así como a creación dunha institución pública de ámbito galego que xestionase con transparencia todos os recursos e potenciais dos que dispomos.


     

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]