Espazo Lectura, Premio Liber 2024

Publicado por GÁLIX | 3.7.24 Deixa un comentario

Espazo Lectura vén de recibir o Premio Liber 2024 da Federación de Gremios de editores de España, na categoría á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público como recoñecemento o labor de promoción da lectura que desenvolve a asociación dende 2006 a través de distintas actividades nas que o libro sempre está presente.


Espazo Lectura é unha asociación que se constituíu formalmente en 2008 na vila de Gondomar co obxectivo de promover e fomentar a lectura en lingua galega.

Este proxecto partiu da actividade Contomar que un grupo de persoas comezou a realizar, en 2006, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Este labor inicial foi o xérmolo dunha proposta de actividades diversificadas na que os clubs de lectura van ter un protagonismo especial.

Dezaoito anos despois, a asociación, cunha forte implantación, ten consolidado en Gondomar un programa con 12 actividades mensuais estables, no que están implicados o Concello e os centros de ensino da zona, e conta co apoio da maioría das editoras galegas

As actividades artéllanse baixo tres grandes liñas de acción:

  • a creación e animación de clubs de lectura;

  • a difusión e sensibilización;

  • e a formación especializada no fomento da lectura.

Para acadar e desenvolver estas liñas de acción, Espazo Lectura conta cun equipo consolidado de persoas voluntarias e mantén unha programación permanente ao longo do ano e outra estacional.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]