XUÑO 2024
Recomendamos Eu tamén fun pequena de Concha Blanco
Cada noite, a avoa Concha relátalles ás netas anécdotas da súa infancia, que transcorreu nunha pequena aldea galega. A través dos contos da avoa (que as pequenas denominan “contos que non son contos”) as nenas van aprendendo como era a vida no rural nos anos cincuenta. As lembranzas da avoa non se limitan a curiosidades, senón que amosan como era a sociedade daquel momento.
Ao tempo que lles describe como eran os xogos, as comunicacións, a vida sen teléfonos nin trebellos electrónicos, as tarefas dos pequenos, que tanto axudaban nos labores da casa, o coidado do gando... tamén descobren como eran os traballos tradicionais, a escola, a ausencia de estrada... Todo mesturado a través dun pequeno diálogo entre avoa e as netas, que escoitan atentas e, sorprendidas coa cantidade de avances que se fixeron desde aquela época, van facendo comentarios, preguntas e reflexións.
Unha fórmula sinxela, a de recorrer ás vivencias do pasado, pero tremendamente efectiva. O acerto tamén está en non facer xuízos de valor. Nin os tempos de antes foron mellores, nin peores. Tan só foron outros tempos. O relato máis espontáneo da historia sempre foi o oral, de aí que o texto se enfíe con naturalidade e ata agarimo.
A lectura do relato remata cun sorriso. A dozura da conversa entre avoa e netas fai que se aproximen as xeracións e, en resumo, aquelas épocas nas que socializar era ben diferente. Avanzar tamén é transmitir a memoria, e non se me ocorre mellor maneira de facelo.
______________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]