A XANELA DE GÁLIX. ELENA GALLEGO ABAD

Publicado por GÁLIX | 22.6.24 Deixa un comentario

 

 

Elena Gallego Abad

Escritora e xornalista

Socia nº 310 de GÁLIX

 

 

 

A nosa convidada na Xanela ten unha longa traxectoria profesional en medios de prensa e radio de Galicia. Actualmente é representante territorial do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) pola súa Demarcación de Pontevedra.

Entre 1987 e 1999 traballou en diversas emisoras de radio e dende 1994 colaborou como redactora e fotógrafa con varios xornais.


Como escritora é a autora das novelas xuvenís da serie Dragal, publicados por Xerais na colección Fóra de Xogo. Varias delas traducidas a outros idiomas:

  • DRAGAL I. A herdanza do dragón (2010)
  • DRAGAL II. A metamorfose do dragón (2011)
  • DRAGAL III. A fraternidade do dragón (2012)
  • DRAGAL IV. A estirpe do dragón (2015)
  • DRAGAL V. O segredo do dragón (2019)

O Proxecto Dragal, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é unha iniciativa multimedia con base na serie literaria Dragal que se desenvolve nos centros educativos galegos.

A autora ten publicado tamén varias novelas para público adulto.

https://www.elenagallego.es/gl

 


Medrei entre libros, soñando con escribir as miñas propias novelas.

  1. Ti es a socia número 310. Por que te asociaches a GALIX e continúas apoiando este proxecto?

Asocieime trala publicación da miña primeira novela da serie DRAGAL, a herdanza do dragón (Xerais 2010), porque me pareceu necesario integrarme nun colectivo que agrupa os creadores de LIX galegos, e que ten por obxectivo a representación e difusión da nosa obra, tamén a nivel internacional. Considero que é unha plataforma imprescindible para a defensa do noso traballo, non sempre valorado.

  1. Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?

Eu son lectora e levo escribindo dende que teño memoria… Pero o meu verdadeiro achegamento á LIX produciuse a través do meu fillo, como nai. A miña obra naceu para dar resposta á necesidade de crear unha literatura fantástica galega que naquel intre apenas existía. Por sorte (e con moito traballo), os tempos mudaron.

  1. Que libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?

Os comics de Tintin e Asterix; as creacións de Enid Blyton, Jules Verne, Agatha Cristhie, Emilio Salgari, Stephen King… Confésome devoradora todo tipo de lecturas. Medrei entre libros, soñando con escribir as miñas propias novelas.

  1. Un libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres imprescindible?

Eu coido que todos os libros son imprescindibles. Por separado, pode haber publicacións de maior ou menor calidade, pero no seu conxunto conforman a Literatura (con maiúsculas) do noso país. Hoxe somos numerosos os escritores e escritoras de literatura infantil e xuvenil que publicamos en galego, e resulta difícil escoller un libro para pórlle esa etiqueta de “o mellor”. En calquera caso, a LIX galega non se entendería sen a obra de Agustín Fernandez Paz, Ledicia Costas ou Fina Casalderrey

  1. Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificada? O meu personaxe favorito é un dragón galego que cobrou vida propia a través das páxinas de cinco novelas: DRAGAL. Do elenco de personaxes da saga, identifícome moito con Mónica. Ten moito de min.

  2. A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños ?

O meu ilustrador de cabeceira é Miguel Abad, autor das portadas dos cinco libros da serie DRAGAL. Neste intre hai unha boa cantidade de ilustradores e ilustradoras galegos que poderían dar forma e cor ás miñas creacións. Postos a pedir, sería xenial contar con Andres Meixide, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado ou Víctor Rivas. 

Ano tras ano vaise vendo como a cultura de consumo rápido tamén chega á LIX, facendo que se descataloguen e esquezan títulos imprescindibles a gran velocidade.
  1. Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.

A maior fortaleza é a imaxinación dos creadores galegos, que dende os últimos anos estamos demostrando un gran nivel. Porén, non temos un ecosistema literario que facilite a supervivencia e profesionalización dos escritores/ilustradores. Agás sinaladas excepcións, neste país apenas hai quen viva do conto.

  1. Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución

Coido que a LIX galega está a evolucionar cos tempos, conseguindo incorporar novos autores de gran valía nos últimos anos, con premios nacionais e recoñecementos internacionais que avalan un traballo ben feito. Haberá quen asegure que a LIX galega vai ben, pero non debemos baixar a garda diante de ameazas como a IA que asexa.

  1. Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?

O coñecemento a nivel xeral e bastante escaso. Mellorou moito nas últimas décadas, pero non abonda. Ano tras ano vaise vendo como a cultura de consumo rápido tamén chega á LIX, facendo que se descataloguen e esquezan títulos imprescindibles a gran velocidade. Ao paso que levamos, non seremos ninguén.

  1. Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia.

A promoción da lectura de libros galegos debe comezar nos propios fogares, coa implicación dos pais na formación lectora dos seus fillos e fillas a través da LIXG, que ten títulos fantásticos para todas as idades. Tamén a escola é fundamental para crear lectores e lectoras, dende ben cativos. Pola súa banda, a administración debe ter un papel destacado na promoción da lectura e a proxección exterior dos autores e autoras galegos, sen abandonar o traballo na casa (apoio a bibliotecas, clubs de lectura, feiras do libro….). Tampouco podemos esquecer a necesaria implicación dos libreiros na visibilización dos nosos libros, que non sempre atopan un lugar axeitado nos andeis. Á hora de escoller e mercar un “bo libro” para levar á casa, o seu papel adoita ser determinante.

ACCEDE AO CUESTIONARIO




 


Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]