Antonio Reigosa (Zoñán-Mondoñedo, 1958).
Socio 249 de GÁLIX.
Escritor. Investigador e divulgador de mitoloxía popular, literatura tradicional e cultura oral de Galicia.
Cronista oficial de Mondoñedo.
Creador-coordinador da enciclopedia virtual da fantasía popular de Galicia 'Galicia Encantada' (https://galiciaencantada.com/).
Hai que estar alí onde un cre que pode achegar algo en beneficio do conxunto da nosa sociedade e, neste caso, ao colectivo que integra GALIX.
Ti es o socio número 249. Por que te asociaches a GALIX e continúas apoiando este proxecto?
A razón inicial foi a mesma pola que manteño os vínculos coa asociación na actualidade. Hai que estar alí onde un cre que pode achegar algo en beneficio do conxunto da nosa sociedade e, neste caso, ao colectivo que integra GALIX.
Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?
Non lembro se mediou algunha persoa en concreto. Probablemente fosen un conxunto de circunstancias como ir coñecendo autoras e autores da LIX, a lectura de moitas das súas obras e ir descubrindo unha parte da literatura da que eu non puidera gozar na miña infancia e adolescencia.
Que libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?
Non creo que se poida falar dun único libro. Aclaro que na miña infancia e adolescencia o acceso ao libro impreso era moi limitado. Na miña escola e na miña contorna non había bibliotecas. É o que ten nacer en determinado tempo histórico e nunha aldea! De vez en cando algún familiar regalábanos algún libro. Poucos! Os meus recordos sobre lecturas e libros comezan coa miña chegada ao instituto e as visitas á pequena biblioteca que se foi formando naqueles tempos. Robinson Crusoe, os contos dos Grimm, algunha historieta... En galego ningún. Non había nos meus tempos infantís!
Un libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres imprescindible?
Hai libros, lecturas e momentos que fan especialmente atractivo algún título. A min pásame con Das Cousas de Ramón Lamote, Memorias dun neno labrego, Contos por palabras, Cando petan na porta pola noite... Hai máis, moitos máis!
A maior debilidade (da LIX galega) é a mesma que afecta á nosa lingua; non darmos superado colectivamente esa barreira indecente construída cos prexuízos que aínda aniñan en moitas e moitos dos noso conterráneos.
Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificado?
Vou quedar co Balbino que me descubriu que un neno da aldea como fun eu tiña unha grande historia que contar e co Ramón Lamote que me puxo na órbita da fantasía sen renunciar a vivir nun mundo real.
A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños ?
Hai moitas e moitos ilustradores de altísima calidade en Galicia. Quedo por razóns persoais e pola súa valía profesional cos nomes de Noemí López e Xosé Cobas.
Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
A maior fortaleza é, sen dúbida, o importante número de escritoras e escritores que escriben en galego pensando nos lectores máis novos. Moitas autoras e autores, moitas e excelentes obras de alta calidade. Aí están os premios nacionais e de primeiro nivel que mereceron moitas e moitos deles nas pasadas décadas. Un luxo para un país tan pequeno. A maior debilidade é a mesma que afecta á nosa lingua; non darmos superado colectivamente esa barreira indecente construída cos prexuízos que aínda aniñan en moitas e moitos dos noso conterráneos.
Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución
Fundamentalmente nas temáticas. Segundo evolucionamos socialmente van mudando os temas. Escribir non deixa de ser un diálogo co mundo no que vivimos e é lóxico que as autoras e autores reflictan as problemáticas que nos afectan en cada momento.
Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
A pesar de que nin a LIX en particular nin a literatura galega en xeral dispoñen de espazos suficientes de difusión nos medios de comunicación, a pesar de que non temos revistas especializadas nin unha crítica normalizada, nin tampouco programas de radio ou TV dedicados especificamente á LIX, creo que existe, grazas, sobre todo, aos profesionais das bibliotecas e a un sector importante do profesorado un aceptable coñecemento do que pasa no mundo editorial galego arredor da LIX.
Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia.
Déixoas esbozadas na resposta anterior. Precisamos máis implicación dos medios de comunicación, especialmente dos públicos, e desde as administracións máis políticas activas dirixidas a mellorar a rede de bibliotecas públicas (que haxa polo menos unha en cada concello do país) e a poñer en contacto o mundo lector co mundo creativo. Tamén precisamos moitas máis traducións, desde o galego cara a fóra, e desde outras linguas para o galego.
ACCESO AO PDF |
- Obras de Antonio Reigosa sobre mitoloxía e literatura de tradición oral:
-Pequena mitoloxía de Galicia (Xerais, 2001). En coautoría con Xosé Miranda e Xoán R. Cuba. Ilustrac.: Irene Fra, Fino Lorenzo, Enjamio e Teresa Novoa.
-Colección 'Cabalo Buligán' de contos populares tradicionais (20 volumes). En coautoría con Xosé Miranda e Xoán R. Cuba.
-Arrepíos e outros medos. Historias galegas de fantasmas e de terror (Xerais, 2004). En coautoría con Xosé Miranda.
-A flor da auga. Historias de encantos, mouros, serpes e cidades mergulladas (Xerais, 2006). En coautoría con Xosé Miranda.
-Os dous irmáns e outros contos populares do antigo Exipto (Morgante, 2008).
-Galicia encantada. O país das mil e unha fantasías (Xerais, 2015.). Ilustrac.: Noemí López.
-Guía de campo da Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan (Xerais, 2020). Ilustrac.: Noemí López.
-Cen historias máxicas pola Mariña encantada. (Lar Libros, 2020). Ilustrac.: Neira Brochs.
-Lugo de lenda (Embora, 2022).
- Como autor de LIX, publicou títulos como:
-Memorias dun raposo (Xerais, 1998). Ilustrac.: Manolo Uhía.
-Resalgario (Xerais, 2001).Ilustrac.: Santiago Gutiérrez.
-Cando os animais falaban. Cen historias daquel tempo (Xerais, 2002). En coautoría con Xosé Miranda. Ilustrac.: Andrés Meixide.
-O galo avisado e o raposo trampulleiro (Xerais, 2003). Ilustrac.: Xosé Cobas.
-Bacoriño (Xerais, 2004). Ilustrac.: Andrés Meixide.
-A raposa no galiñeiro (Museo Provincial de Lugo, 2004). Ilustrac.: Noemí López.
-A noite dos pesadelos (Tambre, 2006). Ilustrac.: Roi Fernández.
-A escola de Briador (Everest, 2006). Ilustrac.: Noemí López.
-O polimacho e outras criaturas (Tambre, 2008). Ilustrac.: Irena Fra.
-Lu e Go pola muralla (Obradoiro, 2010).
-Guía ilustrada da Galicia invisible (Xerais, 2010). Ilustrac.: Noemí López.
-Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal (Xerais, 2011). Ilustrac.: Noemí López.
-Cuentos y leyendas de Galicia (Anaya, 2012). Ilustrac.: Joaquín París.
-O aprendiz de home do saco (Xerais, 2013). Ilustrac.: Marta Álvarez.
-Lendo lendas, digo versos (Xerais, 2015). En coautoría con Antonio García Teijeiro. Ilustrac.: Xosé Cobas. Lista de Honra do IBBY 2018.
-O raposo aviador que voa sen motor (Xerais, 2019). Ilustrac.: Laura Cortés.
- Entre os premios recibidos: Merlín 1998, Raíña Lupa 2000, Frei Martín Sarmiento 2003, Mellor Iniciativa Bibliográfica Gala do Libro Galego 2016 (compartido con A. García Teijeiro) e Premio Follas Novas do Libro Galego 2021.
0 comentarios:
[Comentario blog]