Este libro encantoume! (febreiro 2022)

Publicado por GÁLIX | 1.2.22 Deixa un comentario

Febreiro 2022


 Recomendamos Anacos de vida de Víctor Rivas



 


Un libro que nace da volta á aldea dos seus avós. Así o conta o autor: “Coa limpeza da casa e do predio empezaron a agromar os recordos da infancia e da xuventude, de tantos momentos vividos que afondaron no meu corazón e fixeron de min quen son agora.” Retrata as xentes que, a mediados do século pasado, ocupaban ese espazo. Faino con liberdade e alegría, de forma que as mulleres adoptan un papel protagonista (empodeiradas nos traballos tradicionais e tamén nos que asumen fóra do seu rol, hedonistas, mollándose baixo a chuvia, bailando descalzas sobre o herba ou mollando os pés no regato, lectoras que aproveitan calquera momento para facelo, meigas pasándose os coñecementos de xeración en xeración...) e o amor, de todo tipo de cores, móstrase libre de prexuízos.

O libro está formado por unha manchea de debuxos, que aparecen acompañados de pequenos textos a modo de sinxelas cantigas populares que se adoban con retranca e imaxinación. Imaxes con ritmo, que nos invitan a contar esas historias que aparecen detidas nun intre. Unha mirada, chea de afecto e respecto, polo rural.

O autor vai contando como a modo de inktober (ou tintoubro) se introduce no reto de realizar un debuxo por día; debuxos de liñas sintéticas, claras e coa mínima cor pero cunha dose de tradición. Castelao está presente, dende ese título (Anacos de vida) que homenaxea a Cousas da vida, a división en diferentes apartados (Mulleres, Homes, Lendas, Amores e Xentes) ou a mirada crítica sobre a realidade, lonxe do modelo de postais que busca a imaxe típica.

Víctor Rivas, o ilustrador de Esmeraldina e Escarlatina, Os arquivos secretos de Escarlatina, Vampira de biblioteca, O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, Dez gatiñas viaxeiras, Quokka Moka e tantos outros, en diferentes idiomas, tráenos unha obra enteiramente súa que introduce cun pequeno prólogo e tres textos da autoría de Ana de Vilatuxe, Joám J. Romero Durán e David Rubín.

Unha obra que agradecerá a mocidade e o lectorado familiar


Pilar Sampedro

______________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]