Este libro encantoume! (outubro 2021)

Publicado por GÁLIX | 1.10.21 Deixa un comentario

 

OUTUBRO 2021


 

Recomendamos: Pegadas na tinta de Clara Vila Amado.

 


Os libros de intriga ambientados no antigo Exipto naceron como un subxénero dentro das obras de misterio que co paso do tempo se foi consolidando en numerosas linguas. En galego, a primeira aproximación a este tipo de novelas vén da man de Clara Vila Amado e está dirixida especialmente ao público xuvenil, dentro da colección Oqueleo de Santillana-Obradoiro.

Takara, a única moza que traballa nos arquivos administrativos da tranquila cidade de Hermontis, será a responsable de investigar un incendio provocado nas propias instalacións do arquivo. E o que parece un suceso sen maior transcendencia acabará converténdose nun asunto relacionado coas colleitas de cereais (a base da economía do imperio) que poñerá en perigo o goberno do nomos IV do Alto Exipto, do que Hermontis é capital.

Na súa pescuda, Takara contará coa colaboración de Harsa, un oficial de policía novo e brillante que a axudará a tirar do fío para descubrir os responsables das fraudes, roubos e crimes que se producen en Hermontis e no seu territorio. E entre os dous irá xurdindo unha inquebrantable amizade e unha atracción mutua que semella o punto de partida para algo máis profundo.

As páxinas de Pegadas na tinta lévannos de viaxe ao enigmático Exipto dos escribas e os sumos sacerdotes, as maxestosas embarcacións que sucaban o Nilo, as longas partidas de senet, os grosos trazos de kohl negro, os papiros ateigados de xeróglifos... E no interior deste fascinante escenario, un complexo entramado de relacións de poder, sociais, familiares e por suposto, persoais.

Héctor Cajaraville


______________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.


Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]