Xornadas GÁLIX. Desfacendo a Raia VII: Promoción exterior da LIX galega. Estratexias e axentes de mediación.

Publicado por GÁLIX | 7.10.21 Deixa un comentario

 Este vindeiro mércores, 13 de outubro de 2021, celebraremos a Xornada profesional Desfacendo a Raia VII: Promoción exterior da LIX galega. Estratexias e axentes de mediación no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. O proxecto recibiu unha axuda do Ministerio de Cultura e Deporte, e celébrase co apoio da OEPLI.

A actividade ten como obxectivo a reflexión sobre o papel que desenvolven os e as axentes mediadores/as na difusión da LIX galega, sempre tan necesaria, pero aínda máis na actualidade.

Participan no acto Ledicia Costas e a súa axente, Hilde Gersen; Ania González, experta en dereitos de autoría intelectual e Laura Sáez unha editora e tradutora, que visita feiras internacionais do libro como Fráncfort ou Boloña en calidade de observadora atenta a incorporalos ao noso patrimonio cultural e ver de promocionar os propios no exterior. Contamos, así mesmo, coa presenza da responsable da administración autonómica en materia de promoción de axudas para a tradución do libro galego, Cristina Rubal, Subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro.

A presentación estará a cargo do presidente de GÁLIX, Xosé A. Perozo.

A xornada está aberta á participación de todas as persoas interesadas no libro infantil e xuvenil galego.

Poderase participar no acto presencialmente ou virtualmente a través da canle da Universidade de Vigo á que se accede por medio do QR do cartel das xornadas ou nesta ligazón: https://tv.uvigo.es/live/5b60870c8f4208dd20625884

GÁLIX pretende, coa organización deste evento, abrir espazos de diálogo entre expertos da mediación literaria e cultural e tamén cos participantes e socias e socios para sacar conclusións ao respecto.



Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]