A Xanela de GÁLIX. Pepe Carballude

Publicado por GÁLIX | 15.4.21 Deixa un comentario
 
Naceu na aldea de Rubín, A Estrada, provincia de Pontevedra, en agosto de 1956.


Como moitos nenos e nenas criados en casas labregas, non dispuxo de moitos libros, nin enciclopedias nin contos para nenos. Non obstante, tivo ocasión de escoitar unha chea de historias que forman parte da tradición oral galega, transmitidas por nais, avoas e, no caso do neno Carballude e os seus irmáns, por Rosa e Francisca. 

 

 

Á hora de durmir, Rosa e Francisca, as mulleres que lles botaban unha man a meus pais nos trafegos do campo, contábanme unha chea de historias de lobos adoecidos, de pantasmas que volvían a este mundo ou de mouros gardiáns de tesouros fabulosos.(Autobiografía. aelg. gal).

Malia o feito de seren aqueles contos de pasar moito medo, tiveron o efecto de espertar no rapaz o soño de ser quen de escribir as súas propias historias. Non obstante, tiña claro que estudar era a súa prioridade e a intención de escribir tivo que ser aprazada varias veces.

Estudou Primaria nunha escola rural daquelas que adoptaban como método didáctico o principio de que “a letra con sangue entra”, na que asegura que aprendeu unha morea de cousas que daquela eran consideradas imprescindibles e pouco ou nada de outras consideradas prescindibles:

Aínda así aprendín a lista dos reis godos, os ríos de Asia, as capitais de Europa e algunhas cousas de tanta utilidade coma estas. Pouco de historia e xeografía de Galicia. Seguramente porque o máis achegado ben se ve e non o hai que estudar. (Autobiografía. aelg.gal)

A súa infancia na aldea transcorreu entre a participación nos labores do campo, os xogos cos amigos, os baños no río e as trasnadas comúns a case todos os rapaces: axexar ás nenas que tamén ían ao río, roubar froita nas hortas dos veciños, por aquilo de ser máis sabedeira ca das hortas da casa; ir pillar niños de paxaros polo día e troitas pola noite.

Aquela vida mudou radicalmente cando marchou para Ourense a estudar o Bacharelato no instituto e a vivir nun internado. Para un neno de doce anos, o feito de deixar a aldea, a familia e os amigos de sempre, foi case coma un desterro. Non obstante, a adolescencia en Ourense, ademais dos estudos, foi un tempo de descubrir novas experiencias: as bromas e as loitas con almofadas entre dormitorios do internado e os guateques dos sábados pola tarde nos que podían bailar con rapazas de outros colexios.

A estadía en Ourense, desde o punto de vista literario, permitiulle desbotar a idea que tiña de neno de que tódolos escritores (Cervantes, Quevedo, García Lorca...) estaban mortos, ao descubrir e coñecer a escritores galegos vivos, como Blanco Amor, Méndez Ferrín e Carlos Casares. Ademais comezou a ler literatura en galego, cousa que ata entón fora impensable nas escolas de Primaria, nas que a única lingua permitida era o castelán.

Rematado o C.O.U., estudou Filoloxía Clásica na universidade de Santiago. Sempre sentira fascinación polo mundo clásico pero atopou os estudos oficiais da carreira demasiado teóricos. Mesmo así, leu nas súas linguas orixinais os grandes autores clásicos gregos e latinos e chegou a familiarizarse con eles de tal xeito que, segundo el afirma:

Homero, Virxilio, Horacio, Ovidio, Séneca, Catulo… foron e seguen a ser compañeiros de viaxe ós que acudo a miúdo seguro de atopar conforto. Na miña literatura aparecen poucos heroes ó estilo clásico, pero en todos os meus libros nótase o pouso das lecturas. Son dos que pensa que o escritor crea a partir de vivencias, de lecturas e de imaxinación. (2014. Entrevista. Alumnado IES Manuel García Barros).

Coa Licenciatura en Filoloxía Clásica na man, o seu primeiro destino como profesor foi nun instituto de Badaxoz onde, ademais de exercer como ensinante, seguiu a estudar, aprobou as agregadorías de Latín e logo obtivo unha praza en Vilagarcía. Unha vez máis aprazou o seu proxecto de escribir para seguir estudando e obter unha cátedra. Logrado este obxectivo despois de dous anos de estudo, foi destinado a Carballo. Foi entón cando decidiu que xa era tempo de se poñer a escribir e comezou presentándose ao II Concurso Barco de Vapor, no que quedou finalista. Despois daquela primeira obra, chegaron moitas outras enfocadas ao público infantil e xuvenil, aínda que Pepe Carballude afirma que escribe “libros que pode ler calquera, tamén os nenos e mozos”. Tamén asegura, falando dos personaxes dos seus libros:

Por moi fantasiosos que parezan, son sempre reais. Tan reais que ás veces están sacados do entorno familiar ou de amigos, transformados iso si pola miña imaxinación, pero recoñecibles tan axiña como se esgaravelle un chisco.(2014. Entrevista. Alumnado IES Manuel García Barros)

Cómpre subliñar que a obra de Pepe Carballude non se limita á súa creación literaria, senón que abrangue traducións ao galego de autores clásicos como Fedro e Cicerón e tamén tradución ao portugués de obras en castelán.Ten participado en varias obras colectivas e con artigos en revistas como Grial e Trevo.

A actividade profesional de José Carballude como catedrático de Latín no I.E.S.P. Xosé Neira Vilas (Oleiros, A Coruña) rematou no ano 2016, no que se xubilou, pero é de esperar que non se xubile da súa actividade de escritor.

É membro de Galix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e membro da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega).

Obra

Literatura infanto-xuvenil

  • O xílgaro pintor, 1987, Galaxia (narrativa infantil).
  • Os gazafellos, 1987, S. M. 2006, Galaxia (narrativa infantil).
  • Andainas de Pedro Chosco, 1989, S. M. (narrativa infantil).
  • O talismán dos druídas, 1989, Galaxia (narrativa xuvenil).
  • Investigación 091, 1989, S. M. (novela xuvenil). Traducida ao catalán Cruilla SM.
  • Os enredos de Olalla, 1990, 1999, Everest Galicia (narrativa infantil).
  • A fraga misteriosa, 1992, S. M. (narrativa xuvenil).
  • A historia do home-can, 1993 S. M. - Everest (narrativa infantil).
  • S.O.S., 1994, Galaxia (narrativa xuvenil).
  • Romaxe de desventuras, 1997, Rodeira (narrativa xuvenil). Traducida ao castelán. Edebé
  • Maldito D.N.I.!, 1998, Xerais (novela xuvenil).
  • Andrea quere ser maior, 1999, Everest Galicia (narrativa infantil).
  • Mimos e máis mimos, 1999, Galaxia (narrativa infantil).
  • Paisaxe con fondo gris, 2001, Galaxia (novela xuvenil).
  • De cómo o Santo dos Croques se fai peregrino, 2002 (narrativa infantil).
  • Miña avoa ten 13 anos, 2006, Tambre (narrativa infantil).
  • Xograres dun tempo novo, 2009, Everest Galicia (narrativa xuvenil
  • Marxinados, 2014, Galaxia (narrativa xuvenil).

Traducións

  • Fábulas de Fedro, 1988, Xunta de Galicia. Con Rosa Mª García Vilariño e Xosé Mª Liñeira Reboredo.
  • Galicia Románica de I. G. Bango Torviso. 1991, Galaxia.
  • A vida diária dos romanos, 1.995), tradución ao portugués da mesma obra publicada en castelán ( S.M., 1.989).
  • Sobre a vellez; Sobre a amizade / Cicerón, 2005, Xunta de Galicia. Con Xosé Mª Liñeira Reboredo

Obras colectivas

  • 8 contos, con Xoán Babarro, Concha Blanco, Paco Martín e Mª Victoria Moreno 1989, Xunta de Galicia.
  • O deus desaparecido, con Andrés García Vilariño, 1991, S. M. narrativa.
  • Lerias, con Paco Martín e Mª Victoria Moreno, 1991, Xunta de Galicia.
  • Manuel Reimóndez Portela, na lembranza, 1997, Edicións do Castro
  • Catro contos para unha data, con Concha Blanco e Xavier López Rodríguez, 2004, Xunta de Galicia.
  • Poesía contemporánea. Tabeirós-Terra de Montes, 2005, Edicións Fervenza.

Recoñecementos

  • Finalista do Premio Barco de Vapor (1987) por A Fragata Misteriosa, publicada por S.M. 1992.
  • Premio Barco de Vapor de literatura en galego en 1990, por O deus desaparecido, con Andrés García Vilariño
  • VII Edición Premios San Martiño de normalización lingüística (1997), no Concello da Estrada.
  • Premio Barco de Vapor de literatura en galego no 2002, por De como o Santo dos Croques se fai peregrino.


ACCESO











Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]