XULLO
2020
Recomendamos: Irmá Paxaro de Tamara Andrés
Esta
é a historia das irmás paxaro, aves únicas, “fillas iluminadas”
nos espellos do tempo. Irmá paxaro
é a recuperación dun abrazo. Trátase dunha personalísima e
fermosa “disección da memoria”, un atreverse a pronunciar a
palabra “ferida”, e unha vez pronunciada “recoñecer a dor para
arrolala” para poder restituír o voo. Este libro de Tamara Andrés,
publicado por Cuarto
de Inverno con
ilustracións de María Montes, ofrece un delicioso diálogo
fantasmal cunha irmá perdida.
A
casa da infancia das irmás paxaro é un universo propio cheo de
privacións: “dende o centro neurálxico do corredor criámonos
infinitas”, “construíamos novas casas no corredor durante o día”,
“trenzabamos as tardes tras a fiestra do salón”. O ámbito
doméstico adquire unha dimensión por veces carceraria, pois o mundo
exterior representa unha prohibición: “a cancela que prometeramos
non traspasar”. En contraposición a este lugar opresor está o
exterior, o ceo aberto, o voo, as ás. Un libro aberto é un paxaro
que estende as ás, e este poemario ten voo propio, a súa ferida é
única e alcánzanos durante a lectura.
Neste
proceso de restitución da infancia mediante a poesía é inevitable
que cando as irmás paxaro xogan a ser estatuas pensemos nunha
secreta irmandade con Alejandra Pizarnik: "La hermosura de la
infancia sombría, la tristeza imperdonable entre muñecas, estatuas,
cosas mudas, favorables”.
As
irmás paxaro habitan un lugar que non lles permite levantar o voo e
o poemario xoga coas “ás” como elemento semántico de dobre fío.
Por unha banda é o que propicia o voo da liberación mentres que
pola outra é algo afiado e cortante que separa e fere. Unha vez máis
aparece a ferida, a dor da separación: “o coitelo ancora no
ventre, desprega as ás -paxaro- e desgarra”.
A
ausencia dos pais, que aparecen nun segundo plano, dota ás irmás
paxaro dun espazo propio e singular que se agranda nesta recuperación
da memoria como vínculo fraterno que, como dixemos, é “ferida”
pero tamén “vexetación recuperada”, pois a infancia aquí é un
xardín “desatendido” ao que se regresa para tecer unha nova orde
conquistada mediante a linguaxe. O ser humano é un animal que se
cura falando e a memoria regresa voando á casa das palabras
perdidas.
O
verso “Recoñecer a dor para arrolala” condensa o espírito dun
poemario que é un berro para arrincar do ventre o coitelo da
nostalxia, unha sanación para que ela, a outra á do voo, a outra
parte da historia, a irmá paxaro, recupere a súa voz perdida a
través do abrazo das palabras.
Iria
Collazo López / Diego Alfonsín Rivero
______________________________
GÁLIX
aporta cada mes unha
recensión feita por algún socio para a sección Este
libro encantoume da
OEPLI,
ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as
recomendacións das seccións
aquí,
na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no
noso blog (bota un
ollo na barra lateral!). Se queres colaborar
coas túas recensións para esta sección, non dubides en nos
contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]