Ledicia Costas, Premio Lazarillo 2015 de Creación Literaria

Publicado por GÁLIX | 16.11.15 Deixa un comentario



O pasado día 13 de novembro fallouse en Madrid o PremioLazarillo 2015 na súa modalidade de creación literaria, convocado  pola OEPLI, co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, e cunha dotación de 2500 euros, da que resultou gañadora Ledicia Costas coa obra titulada Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante

Este prestixioso galardón, o máis antigo da literatura infantil e xuvenil, foi convocado polo extinguido Instituto Nacional del Libro Español no ano 1958 co fin de estimular a creación de bos libros para nenos e rapaces. Desde o ano 1986 é a OEPLI a encargada de convocalo anualmente,  nas modalidades de “Álbum Ilustrado” e  “Creación literaria”.    

O xurado estivo integrado  por Xosé Antonio Perozo, co-presidente da OEPLI, e por Arantxa Bea, Aurelio Erdozain, Ana María Navarrete e Antonio Manuel Fraga, designados por cada unha das catro seccións territoriais da OEPLI.  Actuou como Secretaria, sen voz nin voto, Ana Cendán, Secretaría Técnica da OEPLI. O xurado destacou que a obra gañadora é “Unha novela ben escrita, cunha narración fluída, unha estrutura moi ben conseguida, cunha boa linguaxe literaria, onde a realidade constrúe unha ficción que lle dá un aire de misterio que contribúe a facer moi emocionante a súa lectura”.

LEDICIA COSTAS
Escritora galega licenciada en dereito. Publicou, entre outras obras: Unha estrela no vento (Xerais, 2008), Recinto Gris (Xerais, 2014), incluída na Lista de Obras recomendadas para persoas con discapacidades do Centro IBBY (International Board on Books for Young People); O corazón de Xúpiter  (Xerais, 2015), coa que obtivo o  Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao mellor libro Infantil e Xuvenil, e o Premio da Asociación de Escritores e Escritoras en lingua galega á mellor obra de literatura infantil e xuvenil), e  Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais, 2014) coa que gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil, o  Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de literatura infantil e xuvenil, o Premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores ao mellor libro infantil e xuvenil, incluído na Lista de Honra do IBBY 2016, e o Premio Nacional de Literatura Infantil y Xuvenil. Como poeta, publicou a obra Xardín de inverno (Everest, 2012).
Recentemente acaba de publicar en Tambre-Edelvives a obra Inmundicia e Roñoso, e no eido da narrativa para adultos Un animal chamado néboa (Edicións Xerais), libro de relatos ambientados na II Guerra Mundial.
Defensora da difusión da literatura infantil e xuvenil galega, é unha das coordinadoras da Revista Criaturas, publicación dixital especializada en LIX.
JULES VERNE E A VIDA SECRETA DAS FEMMES PLANTE
Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante é unha obra ambientada no Vigo do S.XIX. Nela recréase unha das visitas de Jules Verne á cidade cuxa ría o inspirou para escribir un dos episodios de 20.000 leguas baixo dos mares. Porén, en contra do que acredita a documentación da época, esta visita de Verne a Vigo no ano 1884 non é fortuíta. O escritor chega á cidade porque está seguindo o rastro das misteriosas mulleres planta.

A protagonista desta obra é Violeta, unha adolescente intelixente e inconformista que vive cos seus avós nunha botica. Os tres están convencidos de que ninguén máis que eles coñece o segredo que gardan desde hai décadas: que tanto a propia Violeta como a súa avoa Melisa pertencen a esa estirpe de mulleres metade humanas,  metade plantas. Coa chegada do escritor á cidade iníciase unha aventura onde hai submarinos, iates a vapor, limpachemineas e estrañas criaturas con alma de planta.


Noraboa, Ledicia!
Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]