Fina Casalderrey. As lecturas que nos acompañan

Publicado por GÁLIX | 2.12.25 Deixa un comentario

 

Dende que se confirmou que Fina Casalderrey é unha das candidatas ao Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA) 2026, GÁLIX está desenvolvendo unha campaña de difusión e apoio na que están colaborando todas as nosas socias e socios e á que están convidadas todas as persoas que queiran sumarse a este labor.

 

O premio ALMA, o recoñecemento internacional máis destacado no ámbito da literatura infantil e xuvenil e da promoción da lectura, é outorgado anualmente polo goberno sueco coma homenaxe á creadora de Pippi Mediaslongas, e nel recoñécese o traballo dos diversos actores que conforman o mundo do libro infantil e xuvenil e pode recaer tanto nunha organización coma nun persoa individual. 

 

Fina Casalderrey é unha das autoras máis queridas, lidas e fundamentais da nosa literatura, mestra de vocación e referencia para varias xeracións de lectoras e lectores.

A obra de Fina abrangue todos os xéneros, aínda que centrou o seu interese na necesidade de referentes literarios do lectorado infantil e xuvenil.

Como figura literaria é coñecida e respectada dentro e fóra de Galicia, recibiu numerosos premios, incluído o Nacional, e as súas obras foron traducidas ás linguas peninsulares, incluído o portugués, e tamén ao Braille, francés, inglés, chinés, serbio, ilaliano, córnico ou bretón.

Entendemos que esta candidatura é, tamén, unha oportunidade para celebrar o libro galego, a lectura compartida e a creación feita desde Galicia.

Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]