XANEIRO 2025
Recomendamos O libro grande dos números pequenos de Berta Dávila
Un libro cheo de números que fomenta a imaxinación! O libro grande dos números pequenos é unha proposta lúdica editada por Xerais na que Berta Dávila botou as sementes en forma de palabra e que Gastón Caba fertilizou en forma de ilustración.
Este álbum ilustrado apela directamente a quen se mergulla nel e convida ao público infantil a aprender a contar do un ao vinte, e do vinte ao un, á vez que tamén serve de introdución ao mundo da poesía, así como un xogo no que as ilustracións permiten confirmar o que o texto comunica, mais tamén descubrir pequenas historias que se agochan en cada prego.
Texto e imaxe fúndense ao longo dunha trintena de páxinas cheas de cor e formas que reverberan coas liñas do cómic ou das historietas, tanto nos trazos como no humor. Por unha banda, a ilustración serve de acompañamento aos versos escenificando o que as palabras din e, pola outra, amplía o contexto creando universos nos que descubrir outras historias, facendo que agromen outros xogos e mesmo dando a posibilidade de imaxinar outras realidades, de crear novas historias.
Ademais, paréceme un libro que pode ser moi útil e versátil para as persoas que se dedican á mediación da lectura, tanto á hora de achegar a aprendizaxe dos números ou a descubrir a poesía entre as primeiras etapas da infancia, como á hora de fomentar a creatividade e a imaxinación neses primeiros anos, mais tamén entre a segunda infancia.
Un convite a xogar cos números e as palabras, coas ilustracións e coa imaxinación. Unha historia que se pode ler do dereito e do revés na que a diversión e a fantasía están aseguradas.
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]