Maio 2022
Recomendamos
A
folla azul
de
Andrea
Maceiras
Husu
Aké é só unha nena de nove anos, pero a súa tribo, os
Tacaré da Amazonía, depende dela para a súa salvación. A nena dos
ollos de luz rompe coa tradición —«É débil, como todas as
mulleres»— e convértese na primeira guerreira Tacaré. Cun
pequeno cesto de comida, o arco do mellor guerreiro e, o máis
importante, o alento e os ensinos da súa avoa Arumi, camiña, sen
mapa, en busca dunha estraña folla azul. Non tarda en descubrir que
«A terra era unha ferida aberta»: os Kuben, os homes brancos, son
ambiciosas térmites e, ao seu paso, están a destruílo todo.
A folla azul é unha novela de aventuras e, á vez, unha frondosidade esmeralda de frases nas que quedar e respirar (varias veces) e que poderían ser a semente doutras tantas historias. Ao longo das súas 174 páxinas, Andrea Maceiras tece unha vívida mitoloxía que non existe, pero que si debería existir. A autora preséntanos o termo Oshoshoro, que é o amor en maiúsculas: o que comparten pais e fillos e o que algunhas criaturas (privilexiadas, engado) senten por todos os seus irmáns e irmás: o xaguar, o golfiño rosado, o aguia. Ti. E máis eu.
Husú sacrifícase ou sacrifica o seu prezado don, «Pero nunca hai que esquecer que, por densa que sexa a escuridade, a luz estaba primeiro».
Emotiva, intensa, bela. Luminosa.
—Érica Esmorís
______________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]