Finou Adela Turin. Coa súa morte perdemos un referente da literatura infantil e xuvenil con perspectiva feminista.
Nada en Italia en 1939 e formada en Historia da Arte, dedicou a súa vida profesional a escribir para a infancia e investigar as trazas sexistas na literatura infantil.
Creou a colección «Dalla parte delle bambine» coa intención de confrontar a discriminación de xénero no eido da familia patriarcal que publicou uns vinte libros entre 1975 1980.
En París, funda con Silvie Cromer a asociación «Du côté des filles», que 1994 investiga e denuncia o sexismo nos materiais educativos, ademais de xerar mecanismos de sensibilización dirixidos ao sector editorial e ás institucións.
Escribiu artigos para diversas revistas e publicacións e libros como Los Cuentos siguen contando: algunas reflexiones sobre los estereotipos (1995).
En 1998 publica ¿Qué modelos para las niñas?: una investigación sobre los libros ilustrados con Sylvie Cromer, Carole Brugeilles, Isabel Cromer e Nella Bosnia.
No proxecto 'Atención Album', que se realizou coa axuda da Comisión Europea, as autoras analizaron a práctica totalidade dos álbum ilustrados para o lectorado de 0 a 9 anos publicados en Francia, Italia e España no 1994.
Ao longo da súa carreira publicou numerosos álbums de primeiras lecturas de alta calidade estética e literaria nos que denuncia a discriminación das nenas na familia e na sociedade.
En galego temos traducidos varios títulos:
- Artur e Clementina, con ilustracións de Nella Bosnia e tradución de Eva Almazán, Kalandraka
- Rosa Caramelo con ilustracións de Nella Bosnia e tradución de G. Tolentino, Kalandraka.
- A historia dos bonobos con lentes con ilustracións de Nella Bosnia e tradución de G. Tolentino, Kalandraka.
- Unha feliz catástrofe con ilustracións de Nella Bosnia e tradución de G. Tolentino, Kalandraka.
0 comentarios:
[Comentario blog]