DECEMBRO
2021
Recomendamos: santoamaro de Antonio Manuel Fraga Allegue
santoamaro é a novela pola que Antonio M. Fraga recibiu o premio Jules Verne de literatura xuvenil que convoca Edicións Xerais de Galicia e pasou a formar parte do catálogo White Ravens 2021.
Os seus protagonistas son un grupo de adolescentes que, tras rematar o último curso da secundaria, aproveitan os días (e as noites) do seu derradeiro verán antes da transición á idade adulta; e o seu lugar de encontro será a praia coruñesa de Santo Amaro, un escenario no que se irán desenvolvendo historias de amor, promesas de eterna amizade, medos e incertezas ante a inminente nova etapa nas súas vidas… E de pano de fondo unha agresión sexual que obrigará os membros do grupo a se enfrontaren entre eles, e tamén a si mesmos.
Transición, escenario, pano de fondo… Termos tirados do teatro, pois as técnicas e escenografías teatrais forman parte esencial da proposta de santoamaro, ata o de punto de ás veces semellar que estamos lendo un texto dramático. Tamén grazas aos diálogos, elaborados cunha axilidade e unha naturalidade excepcionais, e nos que é visible un labor nunca antes visto na literatura galega de recreación da xerga xuvenil e a súa maxistral adaptación á oralidade e ás redes sociais.
Héctor Cajaraville
______________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]