Este libro encantoume! (novembro 2021)

Publicado por GÁLIX | 1.11.21 Deixa un comentario

NOVEMBRO 2021


 

Recomendamos: Douche a miña palabra de Fran Alonso




O libro preséntase cun título revelador, que é todo intención. É unha promesa, un compromiso... e unha chamada de atención sobre a base das historias, que non é outra cousa que precisamente iso: a palabra.

"Douche a miña palabra” é un ensaio para os máis pequenos, por iso é de agradecer que apareza este xénero orientado aos máis novos. Como calquera ensaio o seu contido é, basicamente, información que convida ao coñecemento e tamén á reflexión. Ao meu ver, este libro é un manual do que significa (con todo o seu compromiso) ser escritor. Pero nel tamén vai implícita outra faceta do autor, Fran Alonso, que é a de amante incondicional dos libros, o que o levou a desenvolver diversas funcións na súa vida ao redor dos libros. Aparece, así, a figura de editor, lector, dinamizador e activista cultural.

Nas páxinas atopamos unha homenaxe á lectura e a todas as persoas e axentes que a promoven, pois é entendida coma unha necesidade que alimenta a alma.

Doucha a miña palabra” é unha lectura marabillosa para os que vivimos namorados dos libros. Nela atoparemos sorrisos, descubertas, confirmacións, palabras-agasallo e, como non podía ser doutro xeito, emoción.

Acompañan este paseo ao redor do significado do oficio da escrita as ilustracións acaídas de Bea Gregores, cun pouso onírico que convidan a pechar os ollos para que texto e imaxe queden prendidos en nós.



María Canosa

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]