Este libro encantoume! (setembro 2021)

Publicado por GÁLIX | 1.9.21 Deixa un comentario

 Setembro 2021

 

Recomendamos: Lobo Ramón de María Canosa

 

 

 

 

Lobo Ramón de María Canosa semella xogar co nome do escritor e xornalista Ramón Lobo; unha feliz coincidencia.

Lobo Ramón pasa á escrita dende a oralidade, porque vén do conto que o pai das súas nenas crea e conta para elas, dende a tradición do lobo na terras de Ourense.

Coa naturalidade da narración oral, camiña a historia por unha senda que saúda a ruptura de estereotipos dándolle a volta ás características do personaxe literario. Ao tempo failla unha chiscadela ao realismo máxico pois partindo dun bosque e un lobo transforma a situación ata o absurdo pero dunha maneira que semella certa.

Lobo Ramón non só “non gusta da carne, nin asustar xente, nin a escuridade, nin aparecer nos contos con sona de malo” senón que ademais é tan presumido que anda con saias de volantes, puntillas e lunares como as que se usan para bailar sevillanas e se non leva pendentes nin moños ou zapatos de tacón é porque xa se dou conta de que iso produce sufrimento e non vale a pena andar a escordar os pés. Ten un par de amigos, moi próximos, que son o coello cociñeiro e o raposo médico, así coma todos os seus compañeiros de escola, porque tamén lle gusta aprender e levar o mandilón coma os demais. No monte xa todos o coñecen e queren, o problema xurde cando viaxa á vila para mercar unha pluma coa que agasallar ao seu amigo Pancho... menos mal que a xente que le e vende libros sempre están abertos a novas realidades.

Ademais da sinxeleza limpa da narración, dese humor branco que vai como un río, agradécese esa posta en valor do mundo dos libros e da amizade, da diferenza e da bondade.

As ilustracións de Nuria Díaz acompañan o relato achegando detalles propios que o enriquecen.

 

 

Pilar Sampedro

 

______________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]