ANA MARÍA FERNÁNDEZ
NOTA AUTOBIOGRÁFICA
Nacín en Palma (Illes Balears) en 1949. Pasei a infancia e a adolescencia en Andalucía e Asturias. Durante esta época sempre tiven como actividade lúdica a de ler e escribir os meus propios contos. Cheguei en 1967 á Coruña. Estudei a carreira de Maxisterio e licencieime en Filosofía e Letras.
Desde que pisei Galicia, o meu interese pola literatura galega foi en aumento. A pesar de descoñecer o idioma, lanceime a ler moitos dos libros clásicos, comezando pola poesía de Rosalía, Cabanillas e Curros Enríquez, pero tamén a prosa de Otero Pedrayo e outros autores.
A miña vida laboral como mestra comeza en Carballo en 1971 e segue por Fisterra, Muxía, Tordoia, Betanzos e A Coruña. Todos estes espazos, maioritariamente galegofalantes, contribuíron a que fose mergullándome no idioma e afianzando a miña expresión literaria en galego ao longo da década dos setenta. Por esta época tamén tiven a sorte de atopar xente entusiasta e con iniciativas para ampliar os horizontes da lingua e a literatura galega nos centros escolares. Con Xoán Babarro participei en cursos, libros colectivos, libros de texto, certames literarios e outras empresas creativas que para nós resultaban de interese. Xuntos gañamos O Barco de Vapor en dúas ocasións (Primeiro libro con Malola e Barrigaverde e o dragón Atchís) e tamén “O Facho” de teatro (Grande invento para saír do aburrimento).
Nun primeiro momento foron un aliciente para min os concursos da Agrupación Cultural “O Facho”; tanto o de contos (primeiro premio de 1977 con Os amigos do cabaceiro) coma o de teatro (obra recomendada para a publicación en 1973 con O profesor das estrelas). Neste senso, tamén me resultou ilusionante colaborar na revista Vagalume (“A xirafiña”, 1975) ou canalizar a produción literaria a través de libros escolares como Lúa nova 3 (1981) ou Contos degrañados (1981).
Ao longo do meu percorrido vital ata o momento actual escribín moitas obras para a infancia e a xuventude, nas que están representados varios xéneros literarios, entre os que ocupa unha parcela significativa a poesía. Por ela fun galardoada, entre outros, co Lazarillo de 2001, por Amar e outros verbos -tamén distinguido co The White Ravens en 2003-, así como coa presenza na Lista de honor IBBY de 2006, con O país de amarnos.
0 comentarios:
[Comentario blog]