SETEMBRO 2025
Recomendamos Que cabe nun calcetín? de Paula Carballeira
Este libro encantoume por varios motivos: Está escrito por unha das miñas autoras favoritas, é moi divertido, faime revivir a Gianni Rodari… e ademais é unha obra de teatro con moita maxia.
Desenvólvese en Venecia. Por alí andaba a bruxa Befana, que se desprazaba en góndola polos canais e a noite do 5 de xaneiro repartía agasallos e comida a quen lle deixaba á vista os calcetíns.
En Venecia tamén vive Colombina, Arlequín, Polichinela, o Capitán e Pantalone. Colombina era unha rapaza moi espelida pero pasaba moita fame. Non quería traballar, pero gustaríalle comer cando lle apetecese e ter de todo. Para poder cambiar de vida, ocorreuselle tenderlle unha trampa a Befana a fin de facerse coa súa maxia. Pero o plan non se lle pon doado.
Moi interesante esta proposta de Paula Carballeira para ler e xogar ao teatro dentro da escola. Ten ademais un carácter interdisciplinar que nos pode levar a investigar sobre Italia e os seus costumes e tradicións, a situar Venecia no mapa ou a coñecer as súas singulares rúas.
Está ilustrado por Iria Fafián, que nos mostra na cuberta unha potente imaxe feminina, que coa súa ampla vestimenta penetra na contracuberta, creando un todo narrativo. Cores sobrias para que o branco do título destaque con firmeza, á vez que metaforiza todo o que cabe nun calcetín.
As ilustracións do interior, en xeral, ofrecen coherencia e unidade cromática e fan gala dun debuxo preciso e ocorrente, moi apropiado para unha obra de teatro divertida. No seu conxunto, son imaxes dinámicas e ben circunscritas ao escenario teatral.
Ánxeles Roca
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]