A Xanela de GÁLIX. Xosé Manuel González, OLI

Publicado por GÁLIX | 15.9.21 Deixa un comentario

 

 

Xosé Manuel González Barreiro, OLI (Cangas do Morrazo, 1961) mestre, escritor, tradutor e especialista en literatura infantil é o socio convidado á Xanela de GÁLIX neste mes de setembro de 2021.


En resposta ao noso convite enviounos esta breve nota autobiográfica xunto coas súas respostas ao Cuestionario Lamote.

 

 NOTA AUTOBIOGRÁFICA

Desde 1992 manteño unha relación directa coa literatura infantil, como autor e director de coleccións como O Parrulo na editorial Ir Indo, con Edicións Xerais no deseño dunha colección de álbumes ilustrados que non chegou callar. Desde o nacemento da Editorial Kalandraka participei no deseño da colección Demademora da que fun director, aínda que desde hai uns anos codirixo a colección Seteleguas.

Como autor, teño 15 libros publicados entre os que están Once damas atrevidas, O pirata Pata de Lata, Os ratos da casa, Rato Avó e o muraño, Iria e a lúa, Leocadio o león ou O elefante perdeu a memoria, Ratos na escola, entre outros. Algún están traducidos a linguas coma o francés, coreano ou chinés, ademais das linguas peninsulares. Tamén forman parte dos Plans de Lectura de Portugal, Arxentina, Chile ou México.

De aí chego ao mundo da tradución. Lobel, David Mackee, Leo Lionni ou André François son algúns dos autores que traducín ao galego e tamén ao castelán, nalgún caso.

Pero chego ao mundo da literatura infantil desde a miña profesión de mestre e como integrante de Nova Escola Galega, responsabilizándome das páxinas de literatura infantil da Revista Galega de Educación durante varios anos. Colaborei con outras asociacións e Centros de formación do profesorado en Galicia e Castela e León, impartindo cursos e participando en campañas de animación á lectura e xornadas de debate e crítica. Os últimos 14 anos da miña vida profesional estiveron adicados á biblioteca escolar.

Tamén participo desde hai 20 anos no colectivo de investigación lingüística Maré do Morrazo, na recollida, estudo e recuperación de léxico e unidades fraseolóxicas propias do galego desta zona, traballos publicados polo Museo Massó e a Revista Galega de Dialectoloxía.

ACCESO



Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]