Agosto 2021
Recomendamos: A Alcaldesa Vermella de El Hematocrítico, en tradución de Anaír
Rodríguez
Cando lemos o título véñennos á mente outros títulos, estes nobiliarios, como a duquesa vermella.
Nun
libro de El Hematocrito, Vermella só pode referirse a Carapuchiña e
á posibilidade de que se presente ás eleccións municipais. Como
vai ser iso? Pois da maneira máis natural. Estamos, como
corresponde, no bosque e por el pululan todos os personaxes dos
contos tradicionais cando fai a súa aparición o xenio da lámpada
que quere instalarse aquí, agora que se xubilou. Todos empezan a
soñar con pedirlle os seus desexos, por exemplo Hänsel quere unha
casa de lambonadas sen bruxa, ata que Carapuchiña pensa que o mellor
será poñerse de acordo e pedir cousas para toda a fraga, cousas
para o común (arranxar os camiños, poñer puntos de luz, un
hospital, unha escola...); iniciativas que lles resolvan a vida a
todos e a todas e non a un por un. Alá van, coordinados por
Carapuchiña, a convocar unha reunión e elaborar unha táboa
reivindicativa ou listado de desexos. Cando a nena se reúne co
xenio, el faille saber que xa non cumpre desexos, pero está
impresionado, nunca llos presentaran dun xeito tan interesante e
dirixidos ao ámbito público, así que anima á rapaza a que
convoquen eleccións e constrúan ese mundo que responda aos seus
desexos. De aí sairá a alcaldesa vermella, da democracia que
permite escoller a persoa óptima para dirixir e facer o mellor para
todos, pero no proceso recoñeceremos algún atranco que vemos cada
día na vida real.
Introducir os aspectos políticos nos contos tradicionais semella algo necesario e de moito interese. Convencer de que no monte -ou na sociedade- o que compre é defender o público e común a toda a poboación, non pode ter máis vigor. O autor consegue estes dous obxectivos a través dun relato sinxelo no que as ilustracións de Mar Villar colaboran, achegando nova información, detalles humorísticos e apuntalando valores.
Pilar Sampedro
______________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]