Este libro encantoume! (decembro 2020)

Publicado por GÁLIX | 1.12.20 Deixa un comentario

 

DECEMBRO 2020


Recomendamos:
Da Carapuchiña ao señor Lamote de Miguel Vázquez Freire.



Os contos ben contados axudan a vivir. M.V.F.



A fascinación dos contos

Co subtítulo tan esclarecedor de: «Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade en lingua galega», o profesor, crítico e tradutor, Miguel Vázquez Freire, ofrécenos un suxestivo e estimulante volume onde reflexiona sobre as historias que nos contaron e marcaron os nosos inconscientes. Vázquez Freire, colaborador de moitas publicacións de ámbito cultural e educativo, recolle neste exemplar os textos que foi entregando para a Revista Galega de Educación no período 2006-2018.


A través das traducións galegas dos contos clásicos e cun apoio bibliográfico e cinéfilo extremadamente coidado, onde non faltan as alusións á produción propia da Literatura infantil e xuvenil galega (LIXG), o libro revela debates pedagóxicos como «a ineludible polémica das adaptacións» e, sempre dende un enfoque didáctico, rescata da memoria os diferentes significados que se lle foron asignando ás lendas e fábulas que escoitamos dende cativas. Contos de fadas recreados que precisan de novas claves para entendelos e explicalos sen infantilismos gratuítos que nos axuden a vivir enganadas. Ese resulta ser un dos obxectivos do traballo realizado: achegarse aos clásicos sen se someter aos valores dominantes, pero sen esquecer que é preciso analizar os nesgos ideolóxicos para saber por que asumimos de xeito tradicional determinados roles.


Vázquez Freire propón e repasa actividades didácticas do conto máis conto de todos os contos, a Carapuchiña vermella; do final feliz de Brancaneves ou de príncipes bicadores e madrastras malas. O autor bota luz sobre o Andersen literario, contraposto a unha factoría Disney; sementa o interese polas orixes da novela moderna destinada a público xuvenil de Stevenson, Twain, London, Verne ou Kipling; examina a reinvención do fantástico de Hoffmann e de Poe. Lembra o moneco Pinocchio, a Alicia do país das marabillas, o Peter Pan de J.M. Barrie ou o Principiño de Saint-Exupéry, pasando polo o Dickens fabricante de éxitos.

Dadas as características do formato da monografía, non poden estar recollidas de xeito enciclopédico nin todas as autorías alleas nin as propias, e malia faltar representantes da literatura galega, non esquece o compilador a Luís Seoane como ilustrador nin a Neira Vilas e o seu Balbino, ao Casares contador de historias ou a Paco Martín, debuxante de soños.

Coincido pois con outras voces que deron conta deste valioso manual nos espazos destinados para a crítica en agardar con ansia unha pronta segunda entrega.


Ana Luna Alonso



______________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]