Este libro encantoume (xuño 2020)

Publicado por GÁLIX | 3.6.20 Deixa un comentario


Encantoume ler Teño oito anos e quero ser youtuber porque sentín curiosidade en saber que me ía contar o autor (un vello coñecido da nosa LIX) tras ese título.
Agradoume atopar tanto lirismo nun libro para a rapazada, nun libro no que o protagonista quere ser, nada máis e nada menos, ca youtuber.
O tempo corre, voa lixeiro, moito máis veloz do que nós podemos interiorizar moitas veces, por iso podemos ter a sensación de que chegamos tarde a todo. Mais non ten por que ser así. Avanzar non é sinónimo de pisar o acelerador. É acompañar o tempo. E esta época moderna pode acompañarse, tamén, de contos, lendas, historias de sempre, rimas e cantigas. E iso é o que fai Xoán Babarro con Antón, o protagonista desta historia que se converte no froito dos xigantes Pa e Tun. O libro é un canto á fantasía, á nenez, a crer nos dragóns, nos soños e nas carreiras de nubes. O texto equilibra perfectamente a inconsciencia dun neno coa solemnidade da súa natureza. Dosifica os sentimentos deixándoos bailar na liña do horizonte, entre o ceo (ilusión) e a terra (realidade), xusto onde o mar os xunta (a literatura).
Teño oito anos e quero ser youtuber é o exemplo claro de modernizar a literatura de sempre. A historia da vida dun neno, vista nos tempos actuais, pero chea de pingas de lirismo. Todo acontece e é lembrado segundo decidamos facelo. É aquí os ollos dun narrador que ama a súa lingua, pero tamén a súa terra. É aquí unha narración renovada das máis vellas historias.
María Canosa

______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha recensión feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas recensións para esta sección, non dubides en nos contactar.
Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]