XANEIRO, 2019
Recomendamos Bestiario doméstico, de Raquel Castro.
O nome dun animal dá título a cada capítulo, seguido do seu nome científico e unha breve definición, tamén científica. As andanzas, os soños, os devezos, os namoros, a loita pola supervivencia de cada bicho, as súas présas ou a súa calma, os trafegos de cada un, completan o capítulo que, nas súas últimas liñas dará entrada ao animal que nomeará o seguinte. Así, a xeito de elos dunha mesma cadea, chegaremos ao último destes “bichos”, ao último capítulo, e atoparémonos reunidos nel a todos os demais.
Cunha linguaxe sinxela e coidada, algún que outro retrinco á nosa cultura e mesmo poesía, é un libro de lectura amena.
A recomendación da editora é a partir dos 10 anos, pero ningunha persoa adulta debería perderse esta oportunidade de sorrir (mesmo rir a cachón) con este bestiario. Encantoume. Moito. Co significado real de encanto. Deixoume con ganas de moitos máis bichos neste bestiario.
0 comentarios:
[Comentario blog]