Este libro encantoume (novembro 2017)

Publicado por GÁLIX | 27.11.17 Deixa un comentario

NOVEMBRO, 2017

Recomendamos: Mulleres bravas da nosa historia: Mª Victoria Moreno, de Eli Ríos.



Dentro da colección de “Mulleres bravas da nosa historia” aparece o volumen adicado a María Victoria Moreno, recentemente escollida pola Real Academia Galega para protagonizar o Día das Letras Galegas 2018.

O libro repasa a vida da profesora e escritora, o seu nacemento en Estremadura e toda a súa posterior traxectoria vital e profesional na Galiza. Destacando a fonda pegada que deixou na literatura galega e nas xeracións posteriores también a nivel persoal e humano.

Eli Ríos logra facer do relato dunha vida unha historia atractiva para as crianzas, poñendo en valor a figura dunha muller pioneira, creadora de historias con nenas protagonistas e que falaban galego, lingua que amou. Pon en valor a súa figura e nola amosa imprescindibel, forte, agarimosa, talentosa e arroutada. Consegue facer dunha biografía un texto narrativo moi interesante, que vai creando expectación no lector sen afastarse do papel informativo que tan ben cumpre.  Nesa viaxe vital o lector vese acompañado por Navia, un personaxe que fai as veces de complemento do relato a base de fornecernos de notas a pé de páxina e diversas aclaracións. As claras ilustracións de Eva Agra complementan á perfección o texto, sen despistarnos do seu sentido orixinal, con liñas ben marcadas e unha paleta de cores atractivas e sen estridencias.

O libro complétase cun apartado de datas significativas na vida da protagonista así como con unha serie de  páxinas repletas de actividades coas que os pequenos recordarán facetas de María Victoria Moreno e descubrirán outras escritoras galegas cunha importante traxectoria.

Un libro que resulta tan imprescindibel como María Victoria Moreno.

Toni Seijas
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]