No pasamento de Jaime Asensi.

Publicado por GÁLIX | 3.3.25 Deixa un comentario

 

Despois dun longo padecemento, o pasado febreiro deixounos o ilustrador e pintor Jaime Asensi Cabirta. Nado en Vilagarcía de Arousa, fillo dun profesor e pintor, foi un pioneiro da ilustración de libros infantoxuvenís en Galicia. Tentar facer unha relación da súa obra publicada será unha tarefa de titáns que algúns temos na listaxe de cousas pendentes e á cal deberiamos poñernos mans á obra para honrar a súa memoria. Xaime, como o chamabamos moitos e moitas de nós, merece unha grande exposición antolóxica tanto dos álbums infantís, os libros para adolescentes, as novelas para adultos, a novela gráfica, os gravados, as portadas de libros, a cartelería, as ilustracións publicitarias, os cadros expostos e os descoñecidos… Unha gran mostra homenaxe co seu correspondente catálogo.

Imaxe de @briefinggalego.com

A súa obra é dinámica, dunha calidade excelente, con gran capacidade para transmitir sensacións e reflectir con propiedade, ademais de enriquecer, os textos que ilustra. Na súa traxectoria deixa novelas gráficas como La Casa de la Troya; adaptacións á banda deseñada de obras de teatro como Ubu rey ou Pic-nic; a imaxe xeral do deseño da Enciclopedia Galega Universal (EGU); libros infantís como A brétema, Claudina volveu, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, Tom e Mix, os cabalos de Clara, O soño das cores... Xa digo, títulos imposibles de abranguer pola memoria.

Xaime, ademais dun gran profesional, foi un grande amigo das súas amizades. Merece estar no eterno tren dos bos e xenerosos onde a súa risa se siga escoitando ata o infinito e a súa man siga trazando con acerto ideas e personaxes. Foise con só 67 anos cando aínda lle quedaba talento e moito por facer no mundo da arte e da cultura galega. 

Desde GÁLIX, onde nos acompañou como socio durante anos, sentímolo e lamentamos profundamente.

 

 

X.A. Perozo

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]