Este libro encantoume. Xaneiro 2025

Publicado por GÁLIX | 1.2.25 Deixa un comentario

 


FEBR
EIRO 2025

Recomendamos Os versos da mariola de Antón Cortizas Amado

 

 

 Os versos da mariola acadou o premio Arume de poesía para a infancia do ano 2022. Daquela, o xurado afirmou que se trata dunha obra moi orixinal, dun xogo que vai máis alá do poético chegando ata o mesmo deseño do libro, ao aportar diversas formas creativas para a presentación dos poemas. Unha verdadeira brincadeira plena de lectura - xogo e poesía - xogo, na que a creatividade acompaña ao oficio e o dota dunha gran calidade. Unha proposta de libro lúdico no que destaca a riqueza da linguaxe, a unidade e perfección temática ao lado da reivindicación do xogo tradicional e o encontro real das crianzas sen necesidade de xoguetes ou pantallas.

O autor utiliza todo tipo de recursos literarios (pareados, encadeados, metáforas, onomatopeas, adiviñas...) e os propios de poesía visual (coma os caligramas, entre outros) para realizar un percorrido polo xogo, dende as instrucións, as sortes de botar, as mariolas de todo tipo de formas e tamaño, as diferentes maneiras de xogar (por exemplo cos dedos) e os xogos lingüísticos (substitución de cada letra por un número, a desaparición das vocais, cambiar de lugar as letras, as palabras ou os versos). O libro esixe unha lectura activa pois varios poemas han de lerse coa participación de varios lectores a un tempo, polo que se vai precisar a colaboración de compañeiras.

Cortizas alertou sobre os cambios aos que se vía sometida a rapazada en relación ao tempo, lugar e compañeiros de xogo, na obra de teatro Xogando con gatos (Premio de teatro na I Gala do Libro Galego de 2016). Agora, en O xogo da mariola, no apartado “O porqué destes versos”, mostra a súa preocupación ante o cambio das formas de enredar da infancia nos últimos tempos, defendendo os valores positivos e didácticos do xogo tradicional e reivindicando o ludismo que forma parte da lectura e a poesía. Con todo, non é este un libro didáctico senón un libro que reivindica o xogo como motor e o fai a través dun específico: a mariola. Este divertimento semella desenvolverse na Europa renacentista, baseándose na temática d´A divina comedia de Dante, obra na que o personaxe, cando sae do purgatorio e quere acadar o paraíso, ten que atravesar nove mundos. O xogador vai empuxando a pedra que se supoñía representaba a súa alma, partindo da Terra para ir ata o Ceo, vixiando non caer no pozo ou inferno ao longo do percorrido. Estamos pois ante un xogo iniciático, igual que o da oca (con todos eses riscos: pousada, ponte, morte, pozo, cárcere...) e sen posibilidade de pararse sobre a liña xa que da Terra ao Ceo non hai fronteiras nin descansos. Un xogo tan especial que lle dou nome á novela de Cortázar: Rayuela.

As ilustracións con colaxes de Andrés Meixide introducen tellas e pedras pintadas ao lado de chapas, ceras e debuxos convencionais; elabora caligramas facéndoos coincidir coma os dentes dunha cremalleira, fai firmamentos no mapa do país, tráenos o berro de Munch na raia da cobra... e vai enchendo de significados e referentes as imaxes. Este pode ser un dos libros máis difíciles de ilustrar, deseñar e maquetar que nos caeran nas mans, por iso se debe valorar este traballo tan completo e acaído de Meixide, pois só el é quen de presentarnos un produto tan ben rematado.

 

Pilar Sampedro

 



GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]