A XANELA DE GÁLIX. Fran Alonso

Publicado por GÁLIX | 16.1.24 Deixa un comentario


 

Fran Alonso (Vigo, 1963)

Escritor e editor

Socio nº 235 de GÁLIX




É licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC e Máster en Promoción da Lectura pola UCLM, comezou a súa traxectoria laboral no ámbito do xornalismo, no Diario 16 de Galicia, e desde 2018 é director de Edicións Xerais de Galicia, onde leva traballando máis de dúas décadas.

Entre 2006 e 2010 ocupou o cargo de vicepresidente da Asociación Galega de Editores, é un dos membros fundadores da asociación Espazo Lectura e realiza espectáculos de animación poética. 

Como escritor é autor dunha obra literaria que abarca a narrativa, a poesía, a literatura electrónica, a literatura infantil e xuvenil e o xornalismo. Toda a súa obra se caracteriza por un desexo de renovación formal e un posicionamento inconformista.

Autor de máis de 35 títulos, entre os seus títulos de LIX cabe citar A curva da pantasma (2023), Douche a miña palabra (2021), Street poems (2018);  Poemas birollos para ler cos ollos (2016)Contos nerviosos (2016), O meu gato é un poeta (2011), A araña e mais eu (2009), Cartas de amor (2006), Poetízate (2006), O brillo dos elefantes (1999), ou Cidades (1997).

http://www.franalonso.gal

http://www.poetica.gal

 

 
A maior fortaleza, sen dúbida, é a forza das súas creadoras e creadores, capaces de construír unha literatura que, no Estado español está a resultar canónica.

  1. Ti es o socio número 235. Por que te asociaches a GALIX e continúas apoiando este proxecto?

    Asocieime no seu día porque creo que a representación gremial e o esforzo colectivo sempre paga a pena, moi especialmente no ámbito da creatividade, e debe facerse desde a xenerosidade e a amplitude de miras.

  2. Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?
    Cando eu era neno a LIX galega apenas existía ou era practicamente invisible. Achegueime a ela xa con certa idade e empurrado por unha curiosidade innata que sempre formou parte de min.

  3. Que libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?

Eu sempre digo que, como persoa escasamente mitómana que son, resúltame moi complexo buscar un único título, pois fun e son e serei o resultado de moitas lecturas e todas elas contribuíron a formarme. Un dos primeiros autores que lin en galego foi Eduardo Blanco Amor e, posteriormente, quizais X. L. Méndez Ferrín.

  1. Un libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres imprescindible?

Creo que a estas alturas, a LIX galega xa ten unha boa nómina de imprescinbles, pero por remitirme a un clásico de poesía infantil, citaría Os soños na gaiola, de Manuel María. Un libro pioneiro, ou fundador en moitos sentidos.

  1. Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificado?
    É unha pregunta moi complexa porque agora, desde a miña ollada de adulto, non teño a mesma resposta que tería de neno e agora a miña apreciación é máis literaria que se estivese centrada nun personaxe concreto. Cando era neno, por desgraza, a LIX galega non chegou a min e sempre me sentín moi identificado cun personaxe da LIX estranxeira que é Pipi Calzaslargas. 

    Os límites da LIX galega, en moitos casos, están marcados polo descoñecemento ou o prexuízo de quen non le nunca en galego.
  2. A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños ?

A calidade das ilustradoras e ilustradores galegos é fantástica e sentiríame a gusto con moitos deles, pero para os meus libros probablemente síntome máis cómodo con ese tipo de ilustración que ten un certo pouso poético, como o que empregou Bea Gregores para ilustrar o meu libro Douche a miña palabra.

  1. Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.

A maior fortaleza, sen dúbida, é a forza das súas creadoras e creadores, capaces de construír unha literatura que, no Estado español está a resultar canónica. A maior debilidade está na súa dependencia do sistema educativo e no baixo nivel de vendas por impulso ou espontáneas que existe nas librarías.

  1. Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución.

    Creo que ao longo dos últimos anos a LIX galega evolucionou moi positivamente, superando vellos tabús, abríndose tematicamente, medrando en concepción, en ambición, en calidade e en relación para converterse nunha literatura que merece ser exportada e lida internacionalmente.

  2. Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?

Os límites da LIX galega, en moitos casos, están marcados polo descoñecemento ou o prexuízo de quen non le nunca en galego, que é unha porcentaxe moi ampla da poboación lectora galega. Tamén é certo que a LIX ten unha maior potencialidade para introducirse nas casas a través do sistema escolar que a literatura de adultos. Evidentemente, hai moito camiño por percorrer para que todos os lectores e lectoras galegos se recoñezan na súa LIX; como dixen antes, continúa demasiado apegada ao ámbito escolar e ese feito é especialmente grave na adolescencia e coa literatura xuvenil, porque a LIX galega non está presente por vontade propia entre os adolescentes nos seus foros de debate, nas redes sociais nin nos ámbitos lectura xuvenil non académicos, como si que o está a LIX en castelán.

  1. Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia.

Creo que son dous obxectivos distintos. O máis necesario para promover a LIX galega en Galicia pode concretarse en dous puntos: 1) Conseguir unha normalización do uso do galego moito máis eficaz e real; 2) Crear un plan de fomento da lectura ligado á sociedade civil que teña accións efectivas e permanentes con moita continuidade no tempo.

Para conseguir unha maior proxección da LIX fóra de Galicia é necesario un Instituto Rosalía de Catro (como está contemplado na Lei do Libro e a Lectura); é dicir, un organismo institucional que promova as traducións, a exportación e a visibilidade da LIX galega no exterior. Potencial non nos falta; lembremos que aproximadamente entre as últimas 20 edicións do Premio Lazarillo hai 10 obras en lingua galega, o que é unha proporción abraiante. 

 Preme aquí para acceder


 

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]