DECEMBRO 2022
Recomendamos A lebre mecánica de Ledicia Costas
Nana sente que, devagar, está a perder a Corvo. Cada vez percíbeo máis afastado, máis esquivo, máis solitario. Corvo iniciouse no mundo das apostas dun xeito lúdico, desde o seu móbil, como un pasatempo máis que partillar cos amigos. Mais cando decide acceder por vez primeira a un salón de apostas, entra nun remuíño que o arrastra cara a un territorio cada vez máis perigoso e de consecuencias imprevisibles.
Estudos
do Centro Reina Sofía sobre Adolescencia e Mocidade, FAD,
afirman que a maioría dos adolescentes iníciase no xogo entre os 14
e 16 anos e que os mozos supoñen o 50% dos xogadores. Esta
realidade, tan presente nos nosos barrios, penetrou tamén na
xeografía física e emocional de Ledicia Costas, que a leva ao papel
para tecer unha novela xuvenil tan dura coma real. Porque
reais son tamén os personaxes que transitan polas súas páxinas,
adolescentes contemporáneos que lidan cos problemas propios da súa
idade mentres namoran, practican skate, escoitan música ou
gozan cos vídeo-xogos. Apoiada
nuns diálogos traballados e medidos, a trama deste libro absorbe o
lector, que avanza guiado na escuridade por un faro de optimismo,
unha luz que se deriva do valor da empatía, o compañeirismo, a
amizade e os coidados.
A lebre mecánica, gañadora do Premio Lazarillo de Creación Literaria, está chamado a ser un deses libros que perduran e cos que a súa autora –afortunadamente –nos agasalla con frecuencia.
Antonio M. Fraga
___________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]