Mª
Fe
Quesada
Socia
nº 88 de GÁLIX
ILUSTRADORA INFANTIL E XUVENIL
Nacín en Zamora no ano 1957, entre cabaletes, óleos e pinceis. Rodeada de arte e artistas medrei arroupada por dous grandisimos e recoñecidos pintores ourensáns, o meu pai Antonio Quesada, meu mestre e o máis severo crítico, e o meu tío Xaime Quessada.
Aos catro anos facía pública a miña grande afeccion pola pintura gañando o Primeiro Premio Nacional de Pintura Infantil celebrado na cidade de Zamora cunha graciosa serie de episodios sobre a festa taurina que aínda conservo con moito agarimo.
Aos nove anos viñemos para Galiza, berce de toda a miña familia paterna, dende entón resido en Vigo, e aínda que só a metade do meu sangue é desta terra, síntome identificada con ela en corpo e alma.
Aos catorce anos xurdiu a primeira aproximación seria ao mundo da ilustración cando o diario Faro de Vigo ofreceume a oportunidade de ilustrar dous contos para a súa sección cultural, feito que me encheu de ilusión e abriume as portas á posibilidade dun futuro adicada ao debuxo e a ilustración,polas que sentía unha grande paixón.
Mentres, seguía a debuxar e pintar, aprendendo de forma autodidacta coa axuda do meu pai as técnicas pictóricas da acuarela, o acrílico e o témpera, expoñendo na Bienal de Arte Naif da Fundación Pedro Barrié de la Maza e outros certames nos que acadei premios e mencións honoríficas.
Son licenciada en Enfermería Pediátrica e toda a miña vida harmonicei as dúas profesións, non tan antagónicas, pois coido que a miña experiencia no eido da saúde infantil dotoume dunha especial sensibilidade para poder entender e chegar mellor ao corazón dos nenos e nenas para os que debuxo.
A comenzos dos 80 coa aprobación da Lei de Normalización Lingüística e a obrigatoriedade do galego na EXB e Preescolar, ábrese unha porta para a ilustración infantil e xuvenil galega. No 83, da man de Xavier Senín e a editorial S.M., dou os meus primeiros pasos como profesional da ilustración infantil e xuvenil en lingua galega.
Tiven o privilexio de dar vida no papel a moitos personaxes e crear mundos artísticos para a maioría de escritores galegos de literatura infantil e xuvenil. Tamén de ser a deseñadora e autora da “Campaña de Fomento da Lectura da Xunta de Galicia 2000”.
Como muller e como profesional, éncheme de orgullo ser pioneira da ilustración infantil en lingua galega nun tempo difícil e ter creado un estilo propio que caracteriza a miña obra e ter contribuído cuns poucos compañeiros de profesión, a finais dos 90, a crear as bases para constituír unha asociación profesional de ilustradores galegos que loitara polo recoñecemento da nosa profesión poñéndoa no merecido lugar que lle corresponde e que remataría coa creación da actual AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración).
Representante española no Premio Internacional Catalonia 1986, na Bienal Internacional de Ilustración de Bratislava 1992, 94 e 96, no Portal Galego “Galicia para o mundo” na Bienal Internacional de Ilustración de Bolonia 1998, distinguida pola revista nacional Clij, formei parte da “Lista de Honor de III Premio Nacional C.C.E.I. de Ilustración” e da “Lista dos White Ravens” da Biblioteca Internacional da Xuventude de Munich no 2006, Socia de Honra de Gálix no 2016 por toda unha vida como ilustradora adicada ao desenvolvemento e promoción do libro infantil e xuvenil.
ACCESO |
PUBLICACIÓNS NA LITERATURA INFANTIL GALEGA
Aventuras de sol, S.M. (1989)
Rimas con letra, Xerais (1991)
O dente de Clara, Edelvives (1991)
As mazás da prosperidade, Galaxia (1991)
Érase dúas veces o barón Lamberto, Galaxia (1991)
A Nena Branca de Vilamaxín, Edelvives (1992)
O paporrubio que se foi, Galaxia (1992)
Cando Arturo escapou da casa, Edelvives (1993)
Brandón, fillo de Ferreol, Xerais (1993)
O gaiteiro e o Rato Pérez, Xerais (1993)
Contos de trabecín trabezón. Literatura popular, Bruño (1993)
Cincenta, Galaxia (1994)
inocho, Galaxia (1994)
A princesa do cabaliño café, Edelvives (1994)
Cantarolas, Xerais (1995)
A Serea do Deserto, Alfaguara-Obradoiro (1997)
Xogos Infantís, Everest Galicia (1998)
Manual para unha pequena meiga, Edebé Rodeira, (1998)
Os Enredos de Olalla, Everest Galicia (1999)
As Cinco Amigas, Everest Galicia (2001)
Un rato na casa, Galaxia (2008)
Adiviñas, Everest Galicia (2011)
Noite de Reis en Kalpankalá, Auga (2019)
0 comentarios:
[Comentario blog]