Este libro encantoume! (xaneiro 2022)

Publicado por GÁLIX | 1.1.22 Deixa un comentario

 XANEIRO 2022


Recomendamos:
Ninguén coma min. (Autobiografía dun tirano) de Ignacio Chao 

 

 

Ninguén coma min, subtitulado Autobiografía dun tirano, resultou finalista do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, forma parte de Los Mejores Libros para Niños y Jóvenes del Banco del Libro na mención “Transgresión” (segundo citan, por realizar unha crítica necesaria dende o sarcasmo), formou parte da selección da OEPLI e acaba de entrar na prestixiosa lista The White Ravens da biblioteca xuvenil de Munich.


Trátase dun relato en primeira persoa no que un porco se retrata de forma egocéntrica, narcisista e pedante, sentíndose o elixido, un ser único e admirado por todos. Crese superior e considera que todo debe estar ao seu servizo. As súas afirmacións asustan, porque nelas recoñecemos o sentir de dirixentes reais e porque nos mostra unha realidade que se produciu no pasado e está presente na actualidade.

Este álbum foi definido como “pouco usual e desconcertante”, por traernos, de novo, a historia do ditador pero cun desenlace inesperado que lle dá a volta á crónica, situándoa nun contexto especial que nos produce perplexidade antes da gargallada final.

Unhas magníficas ilustracións mostran ese imaxinario de poder, incluso valéndose das sombras, e engaden significados enriquecendo así a narración.

Unha xoia que nos fai reflexionar, porque o discurso dese ditador que fala de como se ve e como mira o mundo que o rodea, cae polo propio peso do absurdo, na derradeira páxina, cando descubrimos que non é libre.

Unha obra mestra que parte dunha nova de prensa.

Un libro válido tamén para maiores que o relacionarán con obras de referencia. Unha lectura que peta na porta da nosa intelixencia para atender as diferentes capas de significado.

Unha lección de vida en poucas páxinas, un golpe en pleno peito, unha parodia.



Pilar Sampedro

______________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]