Este libro encantoume (outubro 2019)

Publicado por GÁLIX | 4.10.19 Deixa un comentario
 

OUTUBRO 2019



Recomendamos: Memoria do silencio de Eva Mejuto, ilustración da cuberta de David Sierra



 Para min, como ilustrador, “Memoria do silencio” é un exemplo dunha historia que se pode visualizar dende o primeiro momento.
Tres historias, tres lugares e tres personaxes: Günter, Frieda e Lola, se presentan ao lector nun tríptico pintado por unha man destra, perfilados en detalle e baseándose nunha prosa clara, axeitada ao público xuvenil e adornado con rápidas e concisas pinceladas que debuxan perfectamente o contexto histórico no que se desenvolve a narración, a posguerra en Galiza e o ambiente prebélico mundial. Os lugares perfectamente ambientados, os detalles históricos tan necesarios para entender a realidade da época e os propios pensamentos dos protagonistas e as súas interaccións con personaxes secundarios que completan a composición, conseguen que esta visualización da propia historia sexa fluída e amena.
Para quen guste do labor de documentación previa a calquera obra, “Memoria do silencio” aporta á lectura gran cantidade de información excelentemente integrada e que realmente consegue transportar ao lector a estes anos dende, para certos colectivos, cada decisión tomada podía ser a diferenza entre a vida e a morte.
Eva Mejuto introduce tamén conceptos sobre o feminismo e a liberdade sexual, colectivos especialmente perseguidos polos réximes fascistas, e que engaden outro punto máis de tensión nas vidas das protagonistas, a parte de actualizar a historia ao século XXI cunha visión desta época máis ampla que a que se adoita facer.
E para rematar, como boa novela de época, Eva fía unha trama de fuxidas, persecucións, perigos que acaban conducindo a un final imprevisto.


Víctor Rivas


______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.



Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]