Recomendamos: Bruxa e familia, de Paula Carballeira.
Onomástica é unha bruxa nova que vive nunha casa de pedra acompañada das gatas Isis e Nefertiti e de moitos outros animais. Recibe poucas visitas porque a xente desconfía das bruxas. A veciñanza prohibiulles aos seus fillos que a foran ver, pero ela é boa e quere axudar, e algún neno ou nena vai visitala cando seus pais non se decatan.

De vez en cando tamén se presentan a curuxa Carmila e o Monstro do Tellado, que é un lobishome que non atopa o seu lugar en ningures.
Rosaura é unha nena amiga que a visita sempre que pode. Foi aprendendo pequenos segredos ata que un día tivo que marcharse a vivir á cidade.
Onomástica, polo seu aniversario, decidiu organizar tres festas:
A primeira para a familia humana. Asistiron seu avó (que é poeta e fala raro), súa avoa, súa nai, seu pai e Rosaura.
A segunda para a familia da casa, con todos os animais.
A terceira para a familia do tellado, a curuxa Carmila e o monstro-lobishome.
De agasallos recibiu unha cadeliña, que nomeou como Morgana, e un tambor africano que pertenceu a unha feiticeira.
Chámanlle a Bruxa da Casa de Pedra e din que vive soa, pero iso non é certo.
Historia entrañable que actualiza, para o público infantil, a figura da meiga e que está narrada coa imaxinación que caracteriza á autora. Preséntaa como unha muller nova, autónoma e independente, e como unha bruxa boa, coñecedora de diversos feitizos e receitas naturais. Tamén recupera un personaxe da mitoloxía como é o lobishome. Mestura ficción e realidade e fai que nos fixemos en diferentes seres da natureza, aínda que sexan ben pequenos como un caracol. As atractivas ilustracións de Lucía Cobo axústanse ás descricións do relato e contribúen a destacar o texto.
Obra moi interesante para traballar os valores de autoestima, empatía e igualdade.
Un fermoso libro, que recomendamos para nenas e nenosa partir duns 8 anos, pero que tamén gustará aos maiores.
Luz Corral Uzal
0 comentarios:
[Comentario blog]