AGOSTO, 2018
Recomendamos:
Cara de velocidade, de Marga Tojo.
Cara de velocidade convídanos a procurar no cotiá a música e a maxia. Marga Tojo acadou o “X Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos” con este título que aposta pola poesía como xénero perfecto para recuperar a musicalidade das palabras. Así, os poemas de Marga Tojo piden unha lectura en voz alta ao ritmo de cancións de Nina Simone, Patti Smith ou Fran Pérez Narf ademais de retarnos a experimentar e xogar coa sonoridade de cada rima ou verso que conforman as composicións.
Cara de velocidade mergúllanos nun universo cotiá -de xantares e ceas, pequenos imprevistos na casa, rutinas e paseos polas rúas dunha grande cidade- e descóbrenos os crocodilos que aparecen no puré de patacas, que o tedio é un monstro peludo e azul ou que, nalgúns vasos de auga, navegan barcos á deriva.
As poesías de Marga Tojo, acompañadas das ilustracións de María Hergueta, encantáronme porque relembran que a música e a maxia non hai que ir buscalas lonxe porque están nas palabras de tres sílabas, nas letras da sopa ou nos nomes das estacións do metro. O importante é estar atentas para poder atopalas e sabernos superheroínas.
Antía Marante Arias
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección
Este libro encantoume da
OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións
aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais,
no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en
nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]