Recomendamos: Os nenos da varíola, de María Solar.

Este suceso histórico constitúe sen dúbida un material novelesco extraordinario e de grandes posibilidades narrativas. A autora decide achegárnolo a través da vida e da voz dalgúns dos protagonistas, deses vinte e dous rapaces escollidos nos hospicios de Madrid, A Coruña e Santiago que viaxarán na corveta María Pita ata terras americanas. As vivencias destes mozos—sobre todo de Ezequiel, Clemente de la Caridad e Tomás— humanizan a aventura e a fazaña, pero tamén nos achegan a súa época: a forma de vida e as severas necesidades, a vida cotiá nos hospicios (a fame, a amizade, o namoramento, a superación persoal, a lealdade), a dura situación económica (que obrigaba a moitas nais a deixar os fillos na porta dos orfanatos) ou a situación da muller, reflectida sobre todo nas figuras de dona Isabel Zendal (reitora do hospicio), Candela (unha ama de cría) e as monxas. Nun segundo plano aparecen temas habituais nos autores ilustrados da época que completan o contexto: a bondade e a maldade humanas, a importancia da educación ou a ciencia fronte á superstición. A brevidade dos capítulos e o uso do diálogo —a través do que se caracterizan e individualizan os personaxes (a filantropía do doutor Posse, os prexuízos da irmá Valentina…)— constrúen e reforzan un ritmo narrativo áxil moi acaído para os feitos tratados e para os lectores aos que se dirixen.
O suceso histórico aparece ben novelado, e os personaxes resultan cribles en todo momento. A autora, nunha decisión final moi acertada, non pecha totalmente a historia, facendo que os personaxes da ficción podan ter vida na mente do lector máis alá do evento histórico. É esta unha obra histórica, de aventura e iniciación moi recomendable.
0 comentarios:
[Comentario blog]