Este libro encantoume (outubro 2017)

Publicado por GÁLIX | 18.10.17 Deixa un comentario

OUTUBRO, 2017

Recomendamos: O valo, de Carlos Labraña.


Unha nena chamada Sáhara tenta atravesar o deserto na procura dunha vida mellor cando se topa cun valo que acaba de colocar o Soldadiño. Na conversa entre estes dous personaxes xorden diferentes puntos de vista sobre o que supón compartir, o que significa a solidariedade, o que representa o ben e o mal, a función da bandeira dun país ou o absurdo de ter que ir á guerra. A historia pode lerse claramente coma unha fábula pacifista e multicultural, contra a vulneración dos dereitos humanos e a favor do dereito das persoas a buscar unha vida digna. Acerta o autor ao xogar coa utopía, nun final tan agridoce coma intenso, pois as fermosas e convincentes palabras de Sáhara acabarán conseguindo que o Soldadiño se libere das súas cadeas. Non obstante, sempre quedarán persoas interesadas en que os valos non caian. O valo é unha obra necesaria para intentar comprender o inxusto e insolidario mundo de hogano..

Montse Pena
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]