Espazo Lectura arranca a súa décima tempada de actividades arredor do libro e a lectura

Publicado por GÁLIX | 6.10.17 Deixa un comentario
Esta semana, a asociación Espazo Lectura de Gondomar deu por comezadas as actividades da súa décima tempada.


Este ano, inaugurouse a tempada de promoción e fomento da lectura na Casa da Lectura coa primeira das sesións semanais de "Os Mércores na Casa da Lectura", cunha sesión especial de Migallas Teatro titulada “Contos nas orellas”.

Velaquí outras actividades deste mes que tamén podes consultar na súa web.


  • O sábado 7, a Banda dos Cueiros presenta o seu novo disco en Santiago de Compostela. Será na Libraría Couceiro ás 12:00 horas.
  • O martes 10, Espazo Lectura participa nas I Xornadas de literatura infantil e xuvenil e de animación á lectura, que terán lugar na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.
  • O martes 17, na Casa da Lectura, comeza a tempada do club de banda deseñada Lecturas Debuxadas, a partir das 20:00h. O cómic elixido é o policial Lamia, de Rayco Pulido.
  • O venres 27, ás 18:00 h, terá lugar a primeira sesión de Contos en Cueiros (para bebés de 0 a 3 anos), que se celebrará na Casa da Lectura, previa inscrición.
  • O sábado 28 será a quenda do club de lectura compartida Lendo Contigo, que comeza a súa andaina coa autora Teresa Fernández Costas, quen falará do seu libro Fred Quincalla e o nómade do mar para todas as familias que queiran achegarse a partir das 12:00 h á Casa da Lectura.
  • O mesmo día 28, ás 20:00 h, arrancan as sesións do Comando Le. Coma sempre, será a Casa da Lectura o lugar de desenvolvemento das sesións deste club de activismo cultural para adolescentes.

Espazo Lectura comeza esta nova tempada con ilusións renovadas despois do descanso estival. Os equipos coordinadores están preparando unha programación variada e ilusionante, aberta a quen queira participar, que, coma sempre, procura o fomento da lectura en lingua galega.

Grazas, Espazo Lectura! Lémonos :)

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]