MARÍA ÁNGELES ROCA
Natural de Cambre, A Coruña (1955).
Socia nº 209 de GÁLIX
Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Durante 36 anos (de 1984 a 2020), é a bibliotecaria municipal da Rede de Bibliotecas Municipais do Concello de Cambre (A Coruña), que dirixe, xestiona e dinamiza, ata a súa xubilación en 2020.
Moi vinculada ao longo de toda a súa vida profesional á Literatura Infantil e Xuvenil, tanto na súa vertente literaria como plástica, así como á animación á lectura.
As Bibliotecas Municipais de Cambre foron premiadas a nivel Nacional en 13 ocasións, de 17 presentadas, nas Campañas de Animación á Lectura Maria Moliner. En 2002, co Proxecto O Moucho Leroucho, acadan o Terceiro Premio da Quinta Campaña de Dinamización Lectora, dotado con seis mil euros.
Estes Premios María Moliner, promovidos polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, van dirixidos a bibliotecas públicas de municipios de menos de 50.000 habitantes e tratan de premiar os mellores proxectos ou actividades para promover a lectura, tanto entre nenos e mozos como entre outros colectivos sociais.
Durante 25 anos forma parte da organización do Certame de Pintura Concello de Cambre, desde a súa creación en 1984, ata o XXV Certame, en 2008.Ten organizado e comisariado diversas exposicións de Ilustración e banda deseñada para expoñer na Sala de Exposicións da Biblioteca Central de Cambre, dentro do Proxecto Abrilustrado.
Membro de ANABAD GALICIA, na actualidade BAMAD GALICIA, asociación desde a que ten participado en diversos grupos de traballo. Entre eles, os preparatorios das mesas da Comisión do Libro e a Lectura, convocadas pola Consellería de Cultura, e nas que Anabad Galicia tiña representante, para a realización da Lei do Libro e a Lectura de Galicia e o Plan de lectura (Lei 17/2006, de 27 de decembro, do Libro e da Lectura de Galicia).
Membro asimesmo de GÁLIX, asociación coa que tamén colabora.
No presente ano 2023, foi nomeada Socia de Honra de GÁLIX.
Ten formado parte de diferentes xurados de premios literarios, entre eles o Lazarillo, representando a Gálix, o Raíña Lupa da Deputación da Coruña, o Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado ou o Merlín.
E ten un neto e unha neta, cos que comparte experiencias marabillosas.
Respostas de Ánxeles Roca ao Cuestionario Lamote
Ti es a socia número 209. Por que te asociaches a GALIX e continúas apoiando este proxecto?
Como bibliotecaria, mediadora do libro e a lectura, pareceume e ségueme a parecer fundamental formar parte dun colectivo a prol da LIX galega, da súa dignificación e difusión.
Considero que o papel de Gálix é clave na defensa do libro infantil e xuvenil galego, tanto dentro como fóra do noso país.
Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?
En 1984 comezo a traballar de bibliotecaria municipal do Concello de Cambre. Neste Concello, nos anos 80, non había manifestación cultural algunha, a excepción da que se puidera realizar nos Centros de Ensino. Pouco a pouco, a Biblioteca foi convertíndose no lugar de encontro da xente máis nova. Para a maioría, a primeira oportunidade de achegarse ao libro e á lectura. Polo tanto, era preciso ir conformando un fondo bibliográfico variado e de calidade que suscitara o seu interese. Así, na procura dunha boa selección e priorizando o libro galego, a LIXG foi cativándome cada vez máis.
Que libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?
Na miña infancia, as primeiras lecturas foron as versións dos clásicos, en castelán; eran os meus preferidos e os que tiña ao meu alcance. Xa na mocidade, o primeiro libro que lin en galego foi Memorias dun neno labrego. Logo viría Rosalía, Castelao, Celso Emilio Ferreiro...
Un libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres imprescindible?
Considerar un, é difícil. Hai moitos imprescindibles que contribuíron a conformar o corpus da LIX galega, entre eles, o xa citado Memorias dun neno labrego, A Galiña Azul, Das cousas de Ramón Lamote, Cando petan na porta pola noite, e moitos máis que ao longo dos anos e ata chegar á época actual, se van incorporando a ese grupo de “imprescindibles”.
Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificada?
Non adoito identificarme con ningún personaxe, pero por Adelaida, creado por Xabier P. Docampo, en Henrique, Adelaida e demais familia, sempre tiven unha especial querencia.
A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños?
Pois, sen dúbida, non sairía da miña casa e elixiría a Xosé Cobas para ilustrar os meus soños.
Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
A maior fortaleza, a gran cantidade de autoras e autores relevantes, con gran variedade de estilos, temáticas e voces diferentes. O mesmo sucede a nivel plástico, grandes ilustradoras e ilustradores, con variedade de técnicas e estilos, que enriquecen o panorama da LIXG. Non podemos esquecer as creadoras e creadores galegos de LIX que acadaron o Premio Nacional, así como todas as que formaron e forman parte das diversas listas internacionais, en narrativa, poesía, teatro e ilustración.
A maior debilidade considero que é o escaso apoio por parte das institucións, a todo o proceso do libro infantil e xuvenil galego. É dicir, á creación literaria e plástica, á industria editorial, á súa promoción e difusión, ás librarías, bibliotecas públicas, así como á formación de profesionais mediadores en todos os ámbitos.
O desinterese das institucións polo uso normalizado do galego a todos os niveis, é evidente que inflúe negativamente no antedito proceso.
Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución
Levo vinculada á LIXG desde comezos dos anos oitenta. En 1984, data na que comecei a traballar de bibliotecaria, a literatura infantil e xuvenil galega era incipiente, polo que desde a perspectiva do tempo, tiven a oportunidade de vela medrar, así como de asistir ao nacemento do álbum ilustrado en galego.
O álbum ilustrado supuxo unha nova concepción lectora, ao ir máis alá do libro con imaxes, pois texto e imaxe conforman unha única lectura. No álbum, a lectura textual e a visual non se expresan individualmente, senón que forman un todo.
Destacaría tamén ao longo destes anos, a evolución do discurso da ilustración, ao dimensionar o sentido da percepción lectora e ao referenciar, en moitos casos, códigos vinculados ao mundo da Arte. Como consecuencia, o lector ou lectora infantil ten na actualidade a posibilidade de descubrir novedosos espazos visuais.
Desde os anos 80, a LIXG foise abrindo camiño ata acadar un nivel internacional. A finais dos anos 90 irrumpen con forza editoriais como Kalandraka, que souberon e saben mimar a edición e a calidade literaria e plástica, consecuencia dunha rigorosa selección de creadoras e creadores. Destacan así mesmo as súas coidadas traducións ao noso idioma, como sucede por exemplo no ámbito dos álbuns ilustrados, moitos deles xa colmados de lectoras e lectores noutras línguas. Todo isto contribúe a que se poida dispor nas aulas, nas librarías e nas bibliotecas públicas duns fondos instalados na excelencia.
Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
Penso que é bastante desigual. A xente vinculada á LIXG, creadoras e creadores, editoras, ensinantes, libreiras e libreiros e bibliotecarias e bibliotecarios, mostran un alto grao de coñecemento e respecto. Distinto é a xente non vinculada a estes sectores, onde o descoñecemento é maior.
O papel das Bibliotecas Públicas é fundamental, sobre todo fóra das cidades. De aí a importancia dunha boa formación dos mediadores e mediadoras, para poder recomendar e fomentar con criterio. Se hai boas e bos mediadores, as lectoras e lectores aprenden axina a diferenciar o mediocre da verdadeira literatura.
Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia.
Dende a familia, pasando pola escola e as bibliotecas, sen esquecer as librarías, ata chegar ás Feiras de carácter internacional, o percorrido é inmenso.
Nos primeiros anos, familia, escola e biblioteca deben traballar xuntas, implicándose a prol do libro e a lectura en galego.
A normalidade co libro en galego, coa lingua, entre o lectorado máis novo é fundamental.
Na familia, desde o berce, lerlles e despois ler con eles, normalizar o feito lector.
Desde as bibliotecas públicas, unha programación de actividades de animación á lectura, de forma activa e participativa, en galego, de carácter estable, e respectando os mesmos días da semana e as mesmas horas. Na procura sempre de dar a coñecer a variedade e calidade do fondo e incentivar o préstamo, para continuar na casa, para ler sós ou en familia, e así tratar de conseguir hábitos normalizados, nunca impostos, tanto de lectura como de asistencia á biblioteca.
Moitas veces non se trata de organizar grandes eventos, senón sobre todo contaxiar o pracer de ler.
Desde as institucións fomentando o libro galego dentro e fóra do país. Facilitar e subvencionar a asistencia a Feiras do Libro nacionais e, sobre todo, internacionais. Dar a coñecer o libro galego e aos seus creadores e creadoras, tanto literarios como plásticos.
ACCESO |
0 comentarios:
[Comentario blog]