XULLO 2023
Recomendamos
Papá
caníbal
de Antonio
Manuel Fraga
Fedora vén de mudarse co seu pai de Tordollobre a Sesgaña e as cousas non son como eran. Na nova escola, só ten un amigo, Pétalo, e outros nenos rin dela, sobre todo Xulio Vinagre, un mangallón abusón que dá en quitarlle o bocadillo. Fedora ten que argallar algo para que Xulio Vinagre a deixe en paz… Un día, Xulio recibe o seu merecido, pero non funcionará por moito tempo. Para vingarse de Xulio dunha vez por todas, Fedora asústao contándolle que o seu pai, o funerario da vila, é un caníbal! Xulio sospeita e o Efebeí, un policía fóra de servizo, inicia unha investigación pola súa conta. A cousa líase pouco a pouco ata que a noite de Samaín, en pleno concurso de cabazas, o enredo chega ao seu punto álxido… e Fedora acaba detida. Que anda a pasar en Sesgaña? Hai caníbales de verdade?
Nesta divertidísima novela, contada na forma das confesións de Fedora e do Efebeí, non faltan os disparates e a diversión. Cun toque macabro e moito enxeño, Antonio M. Fraga Allegue volve arrincarnos un sorriso tenro cunha aventura desa Sesgaña que xa todas coñecemos. Non faltan as anécdotas divertidas nas que os nenos son libres e ocurrentes, nin as frases lapidarias co agudo humor habitual en Fraga Allegue (eu quedo coa brillantez de que os normais da clase son só catro, e os non normais catorce).
Cunha presada de personaxes peculiares e divertidas, unha escrita áxil e entretida e unha aventura tan sinxela como ocorrente e completa, esta novela gustará a nenos e grandes, grazas a uns protagonistas con carácter e liberdade e moitas chiscadelas ao lector adulto. Ademais… ata se pode elixir o final! Que máis se pode pedir?
Sabela González Panizo
___________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]