MAIO
2023
Recomendamos Un
elefante na sala de estar de Berta
Dávila
A cebola non me gusta, pero “Un elefante na sala de estar” si. Estaredes preguntándovos que ten que ver este libro cunha cebola. Pois tal e como eu o vexo, moito.
En primeiro lugar, a cebola ten unha conformación molecular que se rompe cando a cortas e libera elementos químicos que se evaporan e ao chegar á conxuntiva irrítana e producen ese molesto lagrimeo. Pode que este libro lles provoque o mesmo a algúns lectores, pode mesmo que se irriten e non queiran lelo; quizais a outros non. A súa lectura non nos deixa indiferentes, conmove e fai que empatices cos personaxes. Non vai de xuízos morais, de bos e malos, senón de seres humanos, con todas as súas complexidades. Se tivese que explicarlle isto a unha lectora nova, diríalle que nos retrata como quen contempla unha figura que cada certo tempo se xirase para que puideses descubrirlle outras perspectivas.
Pero este libro tamén é como a cebola porque está feito por capas. Cando abrimos unha aparece outra, e outra; e dun xeito sutil vanse debuxando os personaxes. Pouco a pouco imos chegando ao corazón. Capítulo a capítulo imos descubrindo o mundo de Rosa, de Roi, de Alicia, de Belén, de Quique e de todos os seres que habitan o libro. Soamente se conseguimos sacar todas as capas lograremos artellar a figura que rebule nas lembranzas que cada personaxe transmite. Facémolo a gusto porque prendemos nos engados que a autora vai deixando ao longo dos capítulos. Así, capa a capa, construiremos a imaxe completa do elefante. Descubrimos a vida que Rosa parecía vivir, e a que viviu, os seus segredos, as preguntas que provoca, mesmo o rancor pola inexplicable decisión de quitarse a vida e, ao mesmo tempo, saber que ese sentimento e o envés do gran amor que sae en toda a novela.
Xa non quedan máis capas, estamos no corazón da cebola, mirando como a literatura popular explica por qué a historia se conta así. Ao rematar teño a sensación do real, que a autora sacrificou todo para que por encima da boa escrita nos cheguen Rosa, Roi, Alicia... No corazón da cebola, a literatura feita polo pobo explica a dunha autora culta do presente.
Neste tempo de tanta moralina e tan pouca ética, atreverse a tratar un tema duro como é o do suicidio, compatibilizar a sinxeleza na linguaxe con toda a complexidade do feito non é doado. Aprecio como unha das grandes virtudes deste Elefante, o equilibrio que Berta Dávila acada entre a dureza do tema e a continencia precisa para non recargalo de dramatismo.
Como lector, supoño que o acerto dunha autora reside en atopar o xeito de facer que os lectores sigamos lendo e, por sorte, iso foi o que me pasou a min con Un elefante na sala de estar. Haberá quen o lea para... o que sexa. Para min este libro non é útil porque fale do suicidio, senón porque me gustou e gustaralles a quen non busque bisutería aparente. A literatura é o goce das palabras e todo o que conlevan, mesmo o pensamento.
OLI
___________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]