Este libro encantoume! (novembro 2022)

Publicado por GÁLIX | 1.11.22 Deixa un comentario

 NOVEMBRO 2022

 




Recomendamos
Todos fomos de Marcos Calveiro

 

 

 

 

 

 

 

 

Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968) é un prolífico autor, tanto no referente a súa copiosa obra coma á numerosa cantidade de galardóns acadados coa mesma. Desta volta achéganos unha nova entrega do seu thriller policial, publicado por Edicións Xerais en xullo do 2013 baixo o título de Todos somos. O novo libro, tamén publicado na colección Fóra de Xogo, reabre o caso sen resolver de Natalia, unha rapariga desaparecida en estrañas circunstancias que suscitou todo tipo de reaccións entre a veciñanza. As principais protagonistas desta segunda parte van ser as mesmas que na primeira: a inspectora Lina Souto e a xornalista, xa empoleirada no seu despacho dos estudos de televisión, Belén Soliño. Baixo o título de Todos fomos, comeza este volume de igual xeito que o anterior, cunha cita da periodista Ana Rosa Quintana, querendo recalcar deste xeito, cunha chiscadela cómplice, o tratamento sensacionalista que os medios de comunicación fan, asumindo a función da xustiza en forma de “xustiza popular”, alicerzándoa na prontitude, o dramatismo e a procura da emoción, construíndo a culpabilidade ou inocencia á marxe da lei, desprazando o ingrediente primario de toda investigación policial, que ven sendo a persoa encargada de levar a cabo lexitimamente as pesquisas e dilixencias oportunas co obxectivo de que sexa o sistema xudicial o que recompoña a orde social que un delito desencadeou. No caso que nos ocupa vai ser a inspectora Lina Souto a que retome un caso que ela mesma levara había seis anos e que agora coa reaparición de Natalia, ía desencadear por unha banda a mobilización dos medios de comunicación que tentarían converter nun prime time televisivo o caso da rapariga desaparecida guiados pola maliciosa Belén Soliño, pola outra, a esencia moral e o exceso de celo, a franqueza e honestidade que tivera perante toda carreira a inspectora Lina que vai implicarse na definitiva resolución do caso para poder resarcirse daqueloutro que ficara sen pechar había seis anos.

Outro dos aspectos que quixera destacar desta novela é a aparición da muller detective. Non é un tema menor e debe ser considerado como un asunto importante, pois as mulleres investigadoras tiveron o seu primeiro traballo na ficción antes que na vida real. Esas mulleres detectives, comezando coas pioneiras inglesas aparecidas en 1860, eran personaxes que racharon os roles establecidos e botaron por terra os principios daquela sociedade, converténdose nun emblema literario e nunha ferramenta de empoderamento para a nova muller que estaba espertando.

Marcos Calveiro atrapa ao lector e fai que esvare polas páxinas deste novo libro cunha velocidade de vertixe ate embebelo na lectura. Áxil e trepidante, con continuas referencias críticas ao actual establishment. Todos fomos é un relato actual e vivo, marcado pola veracidade e proximidade dos lugares e feitos que se narran, pero coa proxección dos intereses comúns concentrados nuns poucos poderes que conseguen falsificar e deturpar a realidade, deixando de lado as verdadeiras prioridades dos cidadáns, que asistimos impertérritos ao circo cotián da desinformación.

Rafael Fernández Lorenzo



___________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.


Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]