María Canosa, a AELG e o Proxecto Brazolinda galardoados na 13ª edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua

Publicado por GÁLIX | 2.6.22 Deixa un comentario

 O Premio Rosalía de Castro de Lingua, convocado pola Deputación da Coruña, recoñece o traballo de persoas, entidades e iniciativas en prol da normalización lingüística da lingua galega. O premio á entidade recibiuno a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega)pola súa "a súa longa traxectoria, con máis de corenta anos, de compromiso co sector literario galego nos seus diferentes xéneros (poesía, teatro, narrativa, ensaio, escrita científica, traducións... ), fomentando o uso e a defensa pública da lingua". Outro dos premios recaeu na iniciativa do proxecto Brazolinda, "non só ter como persoas destinatarias a infancia e o impulso das relacións interxeracionais en lingua galega, senón o fomento da normalización lingüística nos xogos de mesa, un espazo no que o galego non ten moita presenza ata o momento".

O XIII Premio Rosalía de Castro de Lingua, na categoría de persoas individuais, foi outorgado a María Canosa Blanco, enxeñeira de Camiños, Canais e Portos, escritora e divulgadora comprometida coa defensa e a promoción da lingua e da cultura galegas, do feminismo e da ciencia en galego.

O xurado salientou o "seu compromiso firme coa lingua galega e longa traxectoria, que se reflicte nos premios recibidos e no recoñecemento e impacto social en múltiples ámbitos: escritora, divulgadora..."

Escribe poesía, narrativa e ensaio, traballa como articulista en La Voz de Galicia, e como contertulia en varios programas radiofónicos e ocupou o posto de experta en programas da Televisión de Galicia. Neste ano 2022 representou á literatura galega na Feira do Libro de Bos Aires

Compre subliñar a súa faceta de escritora LIX con máis de 30 libros de literatura infantil e xuvenil publicados.

Recibiu o Premio Pura e Dora Vázquez no 2011 con O papaventos de Laura e o Premio Merlín do 2017 coa obra Muriel; gañou a primeira edición do Premio Anisia Miranda de Teatro para a infancia 2021 coa peza Travesía Unicornio e premio Follas Novas na categoría de divulgación por H2...OH!!! Pingas científicas.

As biografías Emilia Pardo Bazán. Unha mente poderosa e María Casares. A impaciencia por vivir son dúas interesantes achegas para coñecer, de xeito claro e ameno, a figura de dúas das mulleres senlleiras deste país.


Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]