Este libro encantoume. Xuño 2022

Publicado por GÁLIX | 1.6.22 Deixa un comentario

 


Xuño 2022




Recomendamos As cicatrices do caranguexo de Irene Alonso Gasalla

 

 

A literatura para cativos, a estas alturas do século XXI, non debería ter ningún tabú á hora de abordar as súas temáticas. Iso non significa que falar aos máis pequenos de certos temas sexa doado. Falarlles da enfermidade, por exemplo, pode converter unha obra nun canto ao pesimismo e á traxedia. Non é o caso deste libro, capaz de tratar o tema do cancro e facelo dende unha perspectiva optimista, vital e mesmo divertida.


Irene Alonso Gasalla asina As cicatrices do caranguexo, obra cun claro carácter autobiográfico que trata con tenrura o como enfronta unha familia esta enfermidade. E faino a través da aventura e do humor. Unha historia con monstros arrepiantes e valentes piratas, onde unha avoa lle conta aos seus netos como os seus pais tiveron que loitar contra o capitán Cancro e como conseguiron gañarlle a batalla.

Este é un relato curto destinado a cativos de 7 ou 8 anos, na que atoparán unha historia entretida e amena na que nada é o que parece. Un bo libro para que os pais lean cos fillos e atopen nel o punto de partida para unha conversa sobre a enfermidade, as súas consecuencias, e tamén do necesaria que é a afouteza para superar algúns atrancos que a vida nos pon diante.

Escrita con bo tino por Irene Alonso e cunhas marabillosas ilustracións de Irene Sanjuán nótase o agarimo que houbo na súa edición. Un libro máis que recomendado, eu diría necesario.

Xavier Estévez



___________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.


Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]