NOVEMBRO
2020
Recomendamos: A casa do paralelo 54 de Iria Collazo López.
A casa do paralelo 54 é unha novela que se move no territorio da fantasía.
Unha casa construída sobre un paralelo terrestre non pode ser moi estable pois máis ben semella a representación dun funámbulo.
Dentro da casa, na habitación de Gris hai unha cama-barco que sae polo enorme buraco que abre unha árbore ao caer no medio dunha tormenta. Aí comeza a historia.
A nena do estraño nome, a súa mascota (o mapache Morde) e o seu amigo o señor Smith (que ten once anos coma ela, a pesares do tratamento) saen na cama-barco polo aire. Máis tarde navegan por un mar que os leva á Illa Descoñecida, onde atopan a Cova na que a Gardiá, Ara, coida dos Medos. Ela é unha gran araña que tece os marabillosos fíos que forman os paralelos que circundan a Terra. Eles, os nenos, son os heroes agardados que deben atravesar o corredor, atopar a porta, entrar ao bosque e ver como o corazón de Smith cae ao pozo. Os fíos serven para baixar a rescatalo e atopar unha porta pola que seguir fuxindo, neste caso “surfeando” polo universo ata chegar, de novo, á Terra e, nela, a un punto do Círculo Polar Ártico. Foi unha caída con tan mala sorte que Gris aterrou na boca dun oso, pero quen ten amigos ten un tesouro, porque nese intre aparece Ara que esmaga a barriga do plantígrado para que a nena saia.
Moitas aventuras son estas, pero o importante é o ton no que se contan, esa mestura de imaxinación e realidade que non se sabe onde comeza e onde remata. Hiperbólicas esaxeracións buscando o máis incrible aínda, nunha historia que é debedora da tradición popular e culta, que se deixa arrastrar por Dahl ou Monterroso.
Un libro que fai pensar e moito, acerca da amizade, da personalidade de cada un e cada unha de nós, dos medos, do poder das palabras e dos contos, da orixe da maldade e de como poñerlle remedio, do tratamento do diferente... e moitas máis cousas.
Unha obra para non perder.
Pilar Sampedro Martínez
______________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI. Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborar coas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.
0 comentarios:
[Comentario blog]