A Xanela de GÁLIX. David Otero

Publicado por GÁLIX | 13.11.20 Deixa un comentario

DAVID OTERO FERNÁNDEZ naceu en Santiago de Compostela en 1946. Estudou nesa mesma cidade e exerceu como mestre en escolas rurais e máis tarde como profesor de Ciencias Naturais no IES nº 1 da Estrada, onde vive.

A dilatada traxectoria persoal e profesional de David Otero non se pode circunscribir ao seu labor docente, senón que frutifica nun amplo abano de actividades que teñen como fío condutor o seu labor a prol da Cultura e a Lingua Galega, así como o seu compromiso con Galiza e coa Memoria Histórica. 


 
Como parte do seu labor pedagóxico, participou en actividades organizadas por bibliotecas públicas e colexios de Infantil e Primaria co gallo do Día das Letras Galegas, divulgando entre os pequenos a obra dos escritores ou escritoras homenaxeadas ou impartindo cursos de animación á lectura, nos que puxo en práctica actividades didácticas pioneiras encamiñadas a fomentar o amor á lectura e a escrita en galego. Como docente e mestre de mestres, impartiu cursos entre o profesorado, promovendo métodos innovadores para introducir a creatividade e a psicomotricidade no ensino da infancia. Participou en actividades de colectivos de Renovación Pedagóxica nas áreas de Lingua Galega, Literatura Infantil, Fomento da Lectura e Psicomotricidade. Formou parte do equipo redactor dos programas de Lingua e Literatura Galega para a ensinanza non universitaria. Colaborou na autoría de libros de texto de Lingua Galega para as editoriais Xerais e Galaxia.

O seu campo de actuación expándese en moitas direccións, que abranguen, por citar só unhas poucas: a creación literaria, o ensaio, a tradución ao galego de obras de outros autores, a participación na creación de entidades culturais e o xornalismo... No campo do libro infantil e xuvenil, ademais de autor, foi codirector da colección Árbore da editorial Galaxia xunto a Mª Victoria Moreno e Antonio García Teijeiro.

Compre salientar que foi membro fundador de Galix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), do PEN Clube de Galicia; da Fundación Castelao e da A. C. O Brado. Tamén é membro da Fundación Alexandre Bóveda, do Pedrón de Ouro, do Padroado San Martiño, do Colectivo Cultural Estradense, da Asociación dos Amigos dos Pendellos de Agolada, do Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, de Irimia... Foi así mesmo o creador do Premio de Xornalismo Reimóndez Portela e apoiou a creación do Premio Literario Manuel García Barros e da revista Tabeirós – Terra de Montes.

Entre os moitos recoñecementos ao seu labor están o nomeamento de “Chairego de Honra” da Irmandade Manuel María e a Asociación Xermolos así como as homenaxes recibidas na Estrada, co gallo Do día das Letras Galegas (2008) e na Habana, Cuba, (2018) onde lle dedicaron as quintas Xornadas das Letras Estradenses, organizadas pola Sociedad de Hijos del Ayuntamiento de La Estrada como parte das actividades do Día das Letras Galegas.

En canto á súa relación con GALIX débese constatar que ten o carnet número 1, foi un dos fundadores e o primeiro presidente entre 1989 e 2002 aproximadamente. Cando se puxo en pé a iniciativa de Socio de Honra, adquiriron ese título, a un tempo, el e Senín.

OBRAS DA SÚA AUTORÍA

Ensaio

Castelao, corenta anos despois (1991, Edicións do Castro).

Que facer coas palabras? (1991, Galaxia).

A vida de Rafael Dieste (1995, Galaxia).

Castelao (1996, Ir Indo).

A vida de Xesús Ferro Couselo (1996, Galaxia).

A vida de Eladio Rodríguez (2001, Galaxia).

Alexandre Bóveda. Na demanda de restauración (2008, Laiovento).

Bonifacio Suárez. Voz poética do agrarismo en Teo. Fundación Amigos de Galicia (2012)

Narrativa.

Castromil no espello de Compostela (1992, Contos do Castromil).

(Ramón de Liripio (un colo no que contar) ( 2005, Fundación Cultural da Estrada).

Nun bambán de non virar baldo ( 2009, 3C3).

Poesía

Para iso está o futuro (2003, Editorial Fervenza).

Literatura infantil e xuvenil

O albendar dos animais (1987, Galaxia).

Cousas para facer, dicir e pensar (1987, Galaxia).

Por se che pasa (1988, Galaxia).

A verdade na bufarda (1988, Galaxia).

Chano (1991, Galaxia).

Contos de ir e volver (1994, Ir Indo).

Obras colectivas.

Traducións, con Antonio García Teijeiro, das obras seguintes, publicadas por Galaxia:

De María Rius.

A cidade (1988). O mar (1988). A montaña (1988). O oído (1989). O olfato (1989). O tacto (1989). A vista (1989).

De Carme Solé Vendrell:

As catro estacións, O inverno (1990). As catro estacións. O verán (1990).

De Asun Balzola:

As catro estacións. A primavera (1990).

De Ulises Wensell:

As catro estacións. O Outono (1990).

Outras obras colectivas.

Actas do congreso Castelao, 1986-1989. (USC).

Contos da xustiza (1991, Ir Indo).

Manuel Reimóndez Portela na lembranza (1996, Ed. do Castro). Territorio auroral. 36 memorias vivas de Compostela (1997, Consorcio de Santiago).

E dixo o corvo … (1997, Xunta de Galicia).

Castelao, co pensamento en Galiza. Actas do congreso, 2000, 2001. (AS-PG).

Contos de ler e contar (2001, Xunta de Galicia).

Manuel María (2001, AC Xermolos).

Un futuro para a lingua, (2002, Xunta de Galicia).

VI Forxa Literaria (Encontros culturais no rural): na lembranza de Manuel Reimóndez Portela (2003. Seminario de Estudios do Deza).

Homenaxe poética ao trobador Xohan de Requeixo (2003). Narradío. 56 historias no ar (2003. Xerais).

Escrita contemporánea. Homenaxe a Ánxel Casal (2005. AELG).

Poesía contemporánea. Tabeirós-Terra de Montes (2005. Fervenza).

Coloquio – Homenaxe a Xosé Lois García (Ajuntament Sant Andreu de la Barca. Barcelona, 2006)

O Traque da Quenlla (As. Cult. Xohán de Requeixo, Chantada, 2008)

Homenaxe a Neira Vilas. (Ed. Ismael González, O Carballiño, 2008)

Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade (2009. Difusora).

Amigos (100) de Xesús Mato (Fundación Manuel María da Terra Chá, 2009)

Fernando Pereira. SEMPRE POR GALICIA (Ir Indo, 2010)

En defensa do poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova) (2010. Toxosoutos).

Da Galicia de Balbino á Galicia de Hoxe (Deputación de Pontevedra, 2011)

A guerrilla antifranquista galega. Actas do Congreso (2011. Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña).

Perspectivas sobre Bóveda: ensaios e poemas polo seu 75º cabodano (2011, A.C. Alexandre Bóveda).

Unha cesta de pombas e mazás. Homenaxe a Isaac Díaz Pardo (2013, Academia Real Isaac Díaz Pardo).

Versus cianuro. Poemas contra a mina de ouro de Corcoesto (2013. A.C. Caldeirón).

150 Cantares para Rosalía de Castro (2015. Libro electrónico).

Verbo na arria. Homenaxe literaria a Xohan Xesús González (2016, Fervenza).

E de súpeto o inverno (2017. Agalir).

Colaboracións en revistas e periódicos.

El Correo Gallego, O Correo Galego, Revista Galega de Educación, Fadamorgana, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra, Tabeirós Terra, Sermos, Nós… 

 

PICA PARA ACCEDER
 


 Documentación: Teresa Pérez Tilve

Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]