Este libro encantoume (xullo 2019)

Publicado por GÁLIX | 2.7.19 Deixa un comentario
 XULLO 2019

 


Se Nova York representa unha das cidades máis cosmopolitas e desenvolvidas do mundo, Galicia, sen embargo apenas é un punto no mapa para os americanos. David, fillo de emigrantes galegos en EEUU séntese un americano máis, que con dezaoito anos vai visitar a terra dos seus pais por vez primeira. Dende o seu metro noventa de altura aterra en Santiago de Compostela e atópase cunha Galicia, da que os seus pais fuxiron na busca de mellores oportunidades, moi diferente, cunha calidade de vida que supera a que ten en América. Así avanza a trama da novela, entre Nova York e Galicia, collendo os estereotipos de ambos lugares e rachando ao mesmo tempo con cada un deles.

Por outra banda, dúas familias son as que David cómpre que coñeza. Familias ben distintas que amosan unha dualidade: a evolución fronte ao inmobilismo. A familia materna fai eco da Galicia moderna, que non dubida en coller os cartos que unha inmobiliaria lle oferta para facer adosados, aínda que haxa que derribar a casa matriz. A familia paterna, formada por un avó cheo de rancor, unha avoa que sufre e unha tía enferma, saca á luz esa Galicia patriarcal, involucionista, ancorada en principios conservadores que non é capaz de perdoar as faltas do pasado.

Pero a familia da nai, os Formoso gardan un secreto. O non falar do asunto é a consigna establecida durante todos estes anos que seguiron á guerra do 36. Pero estas feridas permanecen máis alá de quen as causou. A pesar desta lousa coa que conviven, Pastor, o fillo vinculeiro, sabe perdoar e logra limpar a súa conciencia. Unha maneira de actuar e entender a vida totalmente contraposta á do avó paterno de David que non perdoa ao fillo que foi ás Américas.

A novela vai fluíndo paseniño da man de Sonia e David, brincadeiros, charlatáns... todo vai ben, demasiado ben, máis, talvez, do que cabe esperar... e con eles viaxamos no Seat Arousa como convidados polas páxinas dunha lectura áxil e suxestiva.

Estamos ante unha novela de iniciación, de aprendizaxe, de descuberta do amor e doutras culturas; de reencontro e afirmación das raíces; de saldar as débedas co pasado; de curar as feridas dun tempo silenciado. Acaso, pódese pedir máis?

Dolores Tobío Iglesias


______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.



Publicación máis recente Publicación máis antiga

0 comentarios:

[Comentario blog]