Hai uns días coñecimos as obras gañadoras dos Premios Xerais na súa edición de 2018. Como novidade, salientamos que este ano a festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición das obras gañadoras.
Toda a información no blog de Xerais aquí e aquí
XXXIII Premio Merlín de Literatura Infantil
Concorreron 35 traballos, entre os que resultou gañadora a obra "Kusuma" de Héctor Cajaraville
«Kusuma».
No seu ditame, o xurado sinalou que Kusuma é unha fermosa fábula ecoloxista protagonizada por unha faisán asiática obrigada a fuxir da agresividade do mundo industrializado. A fábula critica tamén o rexeitamento das poboacións inmigrantes, reivindica o respecto ás diferenzas e a valoración do traballo en grupo. É unha historia de superación, de amizade e de aventuras. Destaca polo rico léxico descritivo de especies animais e do contorno vexetal.
X Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil
Concorreron 22 obras, entre as que resultou elixida "Aplicación instantánea" de Carlos Negro.
O xurado sinalou que ante presenza das pantallas e da tecnoloxía, a sociedade actual precisa máis ca nunca a poesía. Por iso o xurado valora desta obra, entre outros aspectos: a orixinalidade, a calidade literaria, a forza da linguaxe e a súa riqueza, a posta en valor da figura feminina e o seu empoderamento, así como da cultura e lingua galegas. Tamén a crítica social e a visión por veces descarnada da realidade, a procura consciente da complicidade dunha lectora activa na construción dun discurso potente, apelativo e de intervención que non deixa a ninguén indiferente. Unha obra que salienta pola conexión con outras voces literarias, nun rico e estimulante diálogo que leva a novas lecturas. Por último, estamos ante unha obra que rompe calquera visión estereotipada da poesía e a converte nun berro de rebeldía e reafirmación.
XXXV Premio Xerais de Novela
A gañadora foi " Besta do seu sangue" de Emma Pedreira.
O xurado a sinalou que "Besta do seu sangue" supón unha proposta de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros. Ao tempo, salienta o uso dunha linguaxe poética e a transparencia que repousa na transmisión dunha atmosfera de desacougo e angustia ao abordar, con orixinalidade, unha historia inspirada na figura de Blanco Romasanta, co fondo dunha revisión xenérica de figuras da mitoloxía galega.
- O xurado da XXXIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 33 obras, estivo formado por: Uxía Martínez Recamán (comercial-promotora de libros), Alba Piñeiro Estévez (profesora e crítica), María Sánchez Lires (ilustradora), Maribel Tato Sánchez (libreira da libraría Cartabón de Vigo), Antonio Yáñez Casal (escritor) e o crítico e escritor Miguel Vázquez Freire que actuou como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
- O xurado da X edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 22 obras, estivo formado por: Isabel Armesto Rodríguez (comercial-promotora de libros), Diana Fernández Gómez (editora do blog “Bolboretas no bandullo”), Mª Paz Fernández Pereiro (profesora, asesoría Bibliotecas Escolares), Alba González Fernández (estudante de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo), María Manuela Ordóñez Fernández (estudante de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo) e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo e crítica Isabel Mociño González, que actuou como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
- O xurado da XXXV edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 37 obras, estivo formado por: Santiago Lopo (escritor, gañador da edición anterior), David González Domínguez (editor do blog “Palabras de Gatsby”), Vitoria Ogando Valcárcel (catedrática xubilada), Claudia Morán (xornalista), Patricia Porto (libreira da libraría Lila de Lilith de Santiago) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás que actuou como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
0 comentarios:
[Comentario blog]