Recomendamos: A batalla da pequena Chañan Curi Coca, de Rosa Aneiros.
En A batalla da pequena Chañan Curi Coca afronta un tema que eu saiba ata o de agora pouco ou nada visitado, e certamente difícil de afrontar ao dirixirse a un público lector infantil: os desafiuzamentos. O breve relato é protagonizado por unha parella de irmáns, Miguel e Noelia, e a súa nai, que pronto descubriremos se atopan en difícil situación económica, pois a nai está en paro, e a ameaza de perder a vivenda é inminente. A habilidade da autora reside en, sen perder a dimensión cruamente realista do contexto e do propio relato, introducir un relato paralelo que instala unha segunda dimensión fantástica e mesmo épica. Esta segunda dimensión aséntase na figura da irmá menor, Noelia, que transforma a mísera realidade circundante nunha epopea heroica, proxectando sobre aquela as historias da loita anticolonial dos incas que lle contaba a súa avoa, outra figura esencial malia a súa ausencia na acción inmediata do relato. Deste xeito, os policías que veñen executar o desafiuzamento trócanse en soldados do exército invasor, os manifestantes que apoian á familia nos “soldados pururauca” defensores do territorio, e a propia Noelia desdóbrase na pequena Chañan Curi Coca do título.
Se cadra alguén podería obxectar o final feliz un chisco forzado, cando por desgraza, tanto no caso dos incas como no de tantas familias vítimas dos desafiuzamentos, os “invasores” acabaron gañando as guerras. A miña opinión é que a autora tamén aquí atopa un recurso intelixente, que se vai facendo visible lentamente case desde o inicio do propio relato, e que de novo se insire no metarrelato épico co que a pequena Noelia se protexe da hostilidade da situación que lle toca vivir. E que, por certo, acaba introducindo un novo tema social de non menor interese: o dos anciáns que viven sós e que se resisten a abandonar os seus domicilios de toda a vida.
Respecto da linguaxe, a autora usa un rexistro sen grandes complicacións léxicas, doadamente accesible para o lectorado das idades ás que se dirixe, mais sen renunciar a un sobrio nivel literario. Aínda que en ningún momento se nos indica cal é a localidade onde transcorre a acción do relato, o uso da expresión “a moito filispín”, idiosincrática da zona de Ferrol, dános unha pista e ao mesmo tempo amosa o coidado da autora na procura dunha linguaxe próxima aos usos dunha comunidade falante concreta.
As ilustracións son de Almudena Aparicio, sinxelas e funcionais, e das que eu destacaría as orlas que presiden cada páxina e que van marcando os cambios nas situacións do relato.
0 comentarios:
[Comentario blog]